Sábado, 8 Febreiro de 2025

O alcalde de Ponteareas “lamenta que se manipulen” as súas palabras en relación coa suposta falta de transparencia denunciada por ACiP

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, saíu ao paso das declaracións dos representantes sindicais do Concello que acusaron ao rexedor municipal de “culpar aos traballadores municipais” en relación coa falta de transparencia denunciada por ACIP. Represas lamentou que se “terxiversen” as súas palabras e afirma que “non é certo que o alcalde culpe ao persoal municipal. ACIP acusoume de falta de transparencia por denegar información e eu limiteime a aclarar que as solicitudes da oposición son analizadas polos servizos xurídicos que son os que din se debo ou non autorizalas”.

“Non o decido eu segundo o meu criterio persoal, como dá a entender ACIP” sinalou o alcalde ponteareán que engade que “aclarar iso non é culpar a ninguén e quen saca esa conclusión manipula as miñas palabras. É máis, xa dixen que as normas xurídicas son moitas veces interpretabeis e que os servizos xurídicos nese caso interpretárona dun xeito e un tribunal doutro. Nos confiamos plenamente no noso persoal, pero temos que respectar as decisións xudiciais se din o contrario”.