Xoves, 27 Marzo de 2025

Novos danos nas obras de humanización do Complexo Deportivo e Centro de Saúde de Ponteareas

O Goberno local descarta que se trate de vandalismo e atribúeo "a persoas illadas que son contrarias ás medidas de tráfico adoptadas na zona"

O Concello de Ponteareas lamentou e condenou os danos provocados por descoñecidos nas últimas semanas nas obras de humanización do Complexo Deportivo Álvaro Pino e entorno do Centro de Saúde. Nos últimos días, persoas descoñecidas danaron e queimaron un número considerábel de plantas rociándoas con produtos abrasivos na zona situada a carón das pistas de pádel. Tamén, nesa mesma zona, persoas sen identificar pintaron de negro un sinal de circulación prohibida coa intención de anular a súa función regulatoria.

Na mesma liña, na subida ao Centro de Saúde produciuse o roubo dun número considerábel de plantas acabadas de colocar en zonas axardinadas. Tamén no Centro de Saúde, outro sinal de circulación prohibida foi obxecto de pintadas co mesmo obxectivo de anular a súa función de regulación do tráfico. Trátase do mesmo sinal que substituíu a outros dous que foron roubados por descoñecidos hai varias semanas.

Plantas queimadas logo de ser rociadas con produtos abrasivos

O goberno municipal explica que “é evidente que non se trata de actos de vandalismo gratuíto, senón que teñen unha intencionalidade política”. O executivo local atribúe os danos “á actuación de persoas illadas que son contrarias ás medidas de regulación do tráfico implementadas nesta zona por afectar aos seus intereses particulares. Por iso non é casual que esas sinalizacións sexan precisamente obxecto de roubos e danos”.

O goberno rexeita estas “condutas delitivas” e advirte que “non consentiremos que persoas illadas non respecten as decisións dun goberno democrático e pretendan impoñer pola forza a súa vontade. A Policía Local reforzou a vixilancia na zona e o goberno municipal pide a colaboración cidadá para identificar aos responsábeis da comisión destes delitos, que supoñen ademais un dano económico para o Concello que paga toda a veciñanza cos seus impostos.