O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia ven de encargar o proxecto de saneamento integral da parroquia de Ribadetea, unha das máis poboadas do municipio e que convive cos espazos protexidos das marxes do río Tea. Augas de Galicia cumpre así co compromiso adquirido pola directora xeral, Teresa Gutiérrez, co Alcalde e a plataforma veciñal desta parroquia, demanda que contou co apoio de toda a Corporación Municipal.
Nos últimos días xa se celebrou no Concello a primeira reunión de traballo para a redacción deste proxecto, reunión na que ademáis do Alcalde participaron; representantes da plataforma veciñal para o saneamento de Ribedetea, o responsable técnico de Augas de Galicia, técnicos da empresa contratada para este proxecto e o enxeñeiro municipal.
Xosé Represas destaca que o proxecto realizarase en base ao previsto no plan director de saneamento redactado polo concello de Ponteareas recentemente. Un plan director que xa foi compartido con Augas de Galicia para que todas as obras de saneamento sexan coherentes co mesmo e permitan resolver os graves problemas de saneamento que ten Ponteareas
O alcalde de Ponteareas púxose a disposición de Augas de Galicia para colaborar e axilizar ao máximo posible a redacción do proxecto. Pola súa banda, a plataforma veciñal colaborará cos técnicos da empresa que realiza o proxecto para amosarlle a parroquia e resolver mellor sobre o terreo as necesidades e demandas da veciñanza.