Mércores, 18 Xuño de 2025

Grande éxito da andaina solidaria Ponteareas

Grande éxito de participación nas andainas Ponteareas 25km organizada polo Club de Montaña Xistra en colaboración co Concello, no que natureza, medio ambiente, deporte e solidariedade camiñaron da man a pesar do mal tempo. Máis de 200 persoas da vila e de diferentes puntos de Galicia fixeron un percorrido con saída no parque da Feira Vella no centro urbano para percorrer espazos de gran valor natural e paisaxístico como o río Uma ou A Picaraña.

“Con esta andaina o público puido descubrir a beleza das nosas paisaxes e a súa biodiversidade, achegarse ata o río e desfrutar da paisaxe de ribeira ou coñecer un pouco máis os nosos montes forestais”, destacou a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo. A edil quixo ademais “agradecer profundamente o traballo de Nisio, Sito e Raúl, que se encargaron de preparar a ruta para o desfrute de todo o público, así como a solidariedade de todas e todos os participantes, que achegaron un gran número de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene para ser doados ao Centro de Recollida de Alimentos de Ponteareas”.

Covelo recalca tamén a importancia de poñer en marcha actividades que dean a coñecer a gran contorna natural da que pode desfrutar Ponteareas, xa que “soamente achegando a ponteareás, ponteareáns e visitantes á esta realidade podemos chegar a concienciarnos, coidala e protexela”.