Luns, 24 Marzo de 2025

EU Ponteareas require ao Concello que cese “toda actividade non imprescindible”

A formación política trasladou o agradecemento a todo o persoal das administracións públicas

Esquerda Unida de Ponteareas expresou hoxe o seu apoio á demanda realizada polos sindicatos con representación no Concello de Ponteareas ao pedir que “cese a actividade en todos os centros de traballo do Concello que non teñan a consideración de servizos mínimos esenciais”.

Así mesmo lémbralle EU ao Goberno municipal “a obriga de proporcionar a todo o persoal que teña que continuar traballando o equipamento e medidas necesarias para previr contaxios. Medidas estas que o Concello debe esixir tamén a todas as empresas con algunha relación contractual”.

Esquerda Unida manifesta o seu “total apoio” a todas as persoas dos servizos públicos “que fan posible que todo siga a funcionar e sobre todo ás traballadoras e traballadores dos servizos sanitarios que estes días están a verse cunha carga de responsabilidade aínda maior do habitual”.

No mesmo sentido, queren tamén recoñecer “a importancia do traballo de todas aquelas persoas dos servizos de limpeza, mercados, supermercados e demais loxística. Sen o seu traballo non seríamos quen de saír adiante”.

A gravidade da situación de loita contra o virus “lémbranos a importancia duns servizos públicos fortes e de calidade e a importancia de que estes servizos públicos esenciais non estean privatizados e dependan dos intereses do mercado, algo que impediría nestes momentos unha adecuada resposta á actual crise”, subliña Esquerda Unida.

Finalmente EU amosa tamén a súa “total solidariedade” con todas as traballadoras e traballadores “que están a ver afectados os seus postos de traballo a causa desta epidemia e agardamos que o Goberno do estado estea a altura das circunstancias”.