Xoves, 27 Marzo de 2025

EU Ponteareas chama á participación na concentración contra os recortes no Centro de Saúde

A organización de esquerda chama a partidos, sindicatos e colectivos contrarios ao deterioro da sanidade pública a facer súa a convocatoria.

Esquerda Unida de Ponteareas vén de facer un chamamento a participar na concentración convocada para o vindeiro mércores 11 de agosto diante do Centro de Saúde de Ponteareas. A mobilización para amosar o rexeitamento cidadá ao desmantelamento da asistencia primaria, foi convodada logo do anuncio da supresión das consultas ordinarias en horario de tarde entre o 15 de agosto e o 15 de setembro “supostamente por falta de persoal para facer substitucións de baixas e vacacións”, explica a formación de esquerdas.

“As baixas, e dende logo as vacacións, –afirma EU– non poden ser escusa para deixar de atender á poboación con normalidade xa que é algo que deberían ter previsto”. Se se chega a esta situación, engaden, “é polo deterioro da sanidade e a precariedade laboral á que a Xunta de Galicia ten sometido ao persoal sanitario”.

Alerta Esquerda Unida sobre o feito que “en principio esta medida soamente se tome durante un mes”, porque para EU a medida está encadrada “dentro dun contexto de deterioro continuado e provocado da sanidade pública, do que os únicos beneficiados son os grupos de sanidade privada”.

A mobilización cidadá é a mellor ferramenta para reverter esta situación xa que, “se os responsables da Xunta de Galicia do PP non ven rexeitamento por parte da poboación a este novo recorte, nada lles impedirá que pase de ser unha medida temporal a unha medida definitiva.  De aí a importancia da mobilización”, afirma con rotundidade EU Ponteareas.

EU fai tamén un chamamento á veciñanza de Ponteareas “a organizarse” para, máis alá desta medida concreta, “loitar contra o deterioro da sanidade pública”.

“De todas e todos depende facerlle saber aos nosos gobernantes que non imos a consentir que se acabe coa sanidade pública”, conclúe.