Domingo, 4 Maio de 2025

Dúas persoas resultaron feridas como consecuencia dunha colisión frontal en Ponteareas

Unha persoa sufriu feridas de consideración como consecuencia dunha colisión frontal entre dous vehículos en Ponteareas.

No sinistro tamén resultou ferida outra persoa, aínda que de carácter leve. Así o indicaron os efectivos de emerxencias a través do 112 Galicia unha vez que remataron a súa intervención coa excarceración dunha das vítimas.

Efectivamente, o impacto entre un turismo e unha furgoneta na PO-403, na parroquia de Angoares, provocou que un dos ocupantes quedase atrapado no interior dun dos vehículos implicados. Isto obrigou intervir aos Bombeiros-GES de Ponteareas, que, finalmente, rescataron á persoa e facilitaron a asistencia ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia 061. Así, a persoa foi evacuada, xunto con outro ferido, ao centro hospitalario de referencia. 

Foi unha persoa particular quen contactou co 112 Galicia ás 18:30 horas de onte para dar conta da situación e pedir a asistencia dos servizos de emerxencias. Deste xeito, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias púxose a traballar nun operativo no que, ademais de bombeiros e sanitarios, participaron axentes da Policía Local e da Garda Civil.