Venres, 23 Maio de 2025

Dúas persoas foron evacuadas en Ponteareas con síntomas de intoxicación por monóxido de carbono

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta noite a dúas persoas que presentaban síntomas de intoxicación por monóxido de carbono en Ponteareas.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os feitos ocorreron pasadas as nove da noite de onte nun domicilio situado no lugar da Costa Sequeiros. Alí acudiron os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para comprobar o estado no que se atopaban os ocupantes da vivenda, pois presentaban síntomas compatibles cunha intoxicación, como son vómitos e mareos.

Co fin de determinar as causas e a orixe da acumulación de monóxido de carbono, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos membros do GES-Bombeiros de Ponteareas, quen, mediante as correspondentes medicións, confirmaron que a orixe estivo nunha estufa de gas butano.

Ademais, neste operativo, contouse coa colaboración dos axentes da Policía Local e a Garda Civil.