Sábado, 15 Febreiro de 2025

Defendendo o Tea retira preto de media tonelada de lixo do río

Por décimo primeiro ano consecutivo, 24 persoas do colectivo entre eles 7 nenos e nenas, participaron na Limpeza Simultánea de Ríos

Un ano máis, e xa van once, «Defendendo o Tea» quixo facer gala ao seu nome e formou parte activa do Proxecto Ríos de Adega e da súa iniciativa de limpeza simultánea de ríos. Vinte e catro persoas, entre elas sete nenos e nenas, amosaron que con vontade se poden facer grandes cousas e foron quen de retirar entre 450 e 500 quilos de lixo.

Segundo sinala o colectivo, entre lixo retrado había rodas, “tristemente como todos os anos”, unha bañeira, varias potas e tamén como cada ano, miles de toalliñas.

Nese sentido, Defendendo o Tea pide “a concienciación dos veciños e veciñas de que estas toalliñas non se tiren pola taza inodoro porque, literalmente, estannos invadindo”.

Defendendo o Tea quixo agradecer “a todos os voluntarios e voluntarias que fan posible que, un ano máis, o río Tea quede un pouquiño máis limpo” é un agradecemento sincero “pola sua implicación e colaboración e esperamos que cada ano se anime mais xente a colaborar”

Do mesmo xeito querían agradecer, un ano máis, “a implicación do concello de Ponteareas co Proxecto Ríos e con Defendendo o Tea”.

Lembran a todos os veciños e veciñas a “obriga que temos de coidar un espazo incluído na rede Natura 2000 no que podemos atopar especies migratorias como o salmón, o reo e a lamprea a onde aínda se poden ver londras pola sua ribeira.