11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasCristina Fernández, "a gran maioría da xente, utilizando o sentido común, sabe...

    Cristina Fernández, “a gran maioría da xente, utilizando o sentido común, sabe que as obras fanse para mellorar”

    Cristina Fernández Davila é alcaldesa de Ponteareas, cargo que viña desempeñando en funcións dende decembro do 2020 por enfermidade de Xosé Represas e que asume definitivamente tralo seu pasamento. Non é allea ao reto que se lle presenta –Xosé Represas deixou o listón ben alto– pero posúe a vantaxe de ter sido, durante os seis últimos anos, a man dereita do finado alcalde.

    É consciente do reto que supón estar á fronte do goberno do municipio do Tea, centro neurálxico das comarcas do Condado e A Paradanta. Son tempos de transformación, tanto urbanística coma económica, e Cristina Fernández e o seu equipo saben que Ponteareas ten que dar un paso adiante se quere medrar e consolidar ao municipio no mapa social, político, cultural e económico do sur de Pontevedra.

    Preocúpalle que o seu traballo sexa sempre comparado, aínda que sexa de xeito inconsciente, co de Xosé Represas?
    Penso que é natural e inevitábel. Sempre defenderei que seguro que Pepe o faría mellor e posiblemente a súa idea sería distinta. Por desgraza xa non está con nós e botámolo de menos a diario. Deixou o listón moi alto, esa é a realidade.

    Somos persoas completamente diferentes, con capacidades e características distintas. Aínda así, hai un proxecto en común, un proxecto de transformación no que se vén traballando dende hai seis anos e a liña de traballo vai ser a mesma.

    Cando estás traballando ao fronte dun equipo sempre se imprime algo do xeito de ser e pensar da persoa. Cada un fai as cousas a súa maneira porque cada un ten unha forma de ser, de pensar e de actuar diferente sen que iso, insisto, impida desenvolver un proxecto común como o que nós temos para Ponteareas. O meu compromiso é traballar arreo para seguir liderando ese proxecto colectivo e dar continuidade, entre todas e todos os membros do meu equipo, ao camiño que comezou Xosé Represas.

    Seis anos sendo a súa man dereita, danlle unha perspectiva máis clara da situación?
    Sen dúbida. Traballar estreitamente con el permitiume coñecer todos os proxectos, cunha visión global, e saber cales son e en que punto está cada un deles.

    Ademais tiven que asumir o posto de alcaldesa en funcións dende decembro do 2020, o que fai que o cambio non fora tan brusco como cando se chega a unha alcaldía por primeira vez.

    Sempre dixo vostede que unha das cousas que máis lle gustaba era o seu cargo de concelleira de Ensino, ter contacto directo co persoal docente, as familias, as nenas e os nenos… Agora é alcaldesa con outras obrigas e unha carga diferente de traballo. Bota en falta o ensino?
    Moitísimo. Boto en falta á comunidade educativa en xeral. Non fago tantas visitas como antes porque as miñas novas obrigas non mo permiten e o boto moito de menos. A comunicación é fluída, é certo, pero obviamente e por carga de traballo, teño menos contacto directo.

    Cristina Fernández asegura botar en falta o contacto directo coa comunidade educativa. Na foto de arquivo, anterior á pandemia da Covid, nunha das xuntanzas mantidas cos colexios de Ponteareas

    En días pasados, o Pleno Infantil coincidiume cunha xuntanza de alcaldes e alcaldesas á que non podía faltar e lamentei moito non estar aquí cos rapaces e rapazas, porque é un tema que me apaixona. Espero ter a oportunidade de conseguir algo de tempo dispoñíbel para recuperar ese contacto tan estreito que tiña antes, pero en calquera caso para min a educación será sempre un tema prioritario.

    Sorprenden os cambios no Goberno, sobre todo de Francisco Floreal do que sempre se dixo que era o artífice do saneamento económico do Concello e que ía na lista de suplentes.
    Pode que dende fóra pareza sorprendente, pero dende dentro non o é tanto. Hai que ter en conta que a Área de Facenda é moi específica para a que se require un coñecemento tamén moi específico… se o queres facer ben, claro. Unha vez que Pancho marchou, a outra persoa que había no equipo que controlaba esta área era o alcalde Xosé Represas, que como sabedes era economista. Coa súa perda, Pancho Floreal é a persoa idónea para levar o peso da facenda local.

    No equipo contamos con outras persoas con formación superior e coñecementos específicos neste ámbito, como Eva Gil, pero ela está focalizando os seus esforzos no ámbito da promoción económica, o comercio e o turismo, áreas moi importantes ás que temos que apoiar e impulsar neste tempo que nos tocou vivir.

    Cando llo propuxeron, o dubidou nalgún momento?
    Pancho non o dubidou nin un só segundo. Dixo que contaramos con el para o que fixera falta, feito que aproveito para agradecerlle. Somos un equipo de persoas absolutamente centradas na mellora do noso municipio, e sempre é unha honra poder encabezar un grupo de persoas excelentes cun obxectivo e un proxecto común.

    É caro o Goberno? A oposición asegura que houbo un desmedido crecemento do que lle custa o Goberno á cidadanía.
    Alégrame moito que me fagas esta pregunta. A resposta é non, en absoluto. O custe do goberno é o mesmo que se acordou no 2019. O que acontece e que, por primeira vez en seis anos, recoñécese que o alcalde Xosé Represas non cobraba salario nun exercicio de renuncia e xenerosidade. Agora demóstrase que este foi un dos temas sobre os que a oposición mentiu descaradamente. Sempre dixeron que non era así e agora, por fin nos medios de comunicación o PP recoñece que o alcalde non cobraba salario porque renunciou a el para dedicar ese diñeiro á reactivación económica.

    “por primeira vez en seis anos, recoñécese que o alcalde Xosé Represas non cobraba salario nun exercicio de renuncia e xenerosidade”

    Eu vou ter salario, teño unha dedicación e teño que cobrar porque senón tería que dedicarme a outra cousa. Esa é a diferencia, que antes o alcalde renunciaba voluntariamente ao seu salario e agora eu no posto de alcaldía teño que cobrar a miña asignación para poder dedicarme por completo ao labor que teño encomendado.

    Ponteareas está sufrindo unha transformación absoluta. Por que estes temas, que logo supoñen un beneficio á hora de mellorar a calidade de vida da veciñanza e dinamizar a economía, espertan tanta polémica e tanta controversia?
    Eu penso que por dous motivos. Un porque as obras sempre asustan. Os cambios sempre asustan e as obras, en concreto, amais de asustar incomodan e xeran moito po, sucidade e, polo tanto, é lóxico que os comerciantes estiveran preocupados.

    A maiores, a incomodidade das obras vén dada porque coñécese cando comezan pero non tan exactamente cando van rematar. Polo camiño aparecen problemas e dificultades que non estaban previstas, non por falta de estudo, senón porque trabállase tamén co subsolo e nunca se sabe o que se pode atopar un debaixo dunha capa de asfalto.

    Pero é de supoñer que non só haberá críticas…
    Por suposto. Hai tamén moitos encomios e felicitacións. A maioría da xente, utilizando o sentido común, sabe que as obras fanse para mellorar. Ti nunca fas unha obra na casa para que quede peor, aínda que logo haxa cousas que modificar, corrixir ou cambiar.

    Pouco a pouco a veciñanza dáse de conta que a situación vai cambiando non soamente para o espazo que ocupas e recuperas para as persoas, senón que ese mesmo cambio vai xerar unha inercia económica positiva. Un bo exemplo o temos na humanización da rúa San Roque: en canto se avanzou coa intervención e as obras, as inmobiliarias comezaron a facer ofertas de compra de vivendas que están medio derrubadas. Iso quere dicir que a zona rehabilítase e ao mesmo tempo gaña valor e activa unha demanda das persoas. Pasa de ser unha zona degradada a ser un lugar no que as persoas queren vivir ou emprender os seus negocios.

    Din os urbanistas que os cascos peonalizados son dinamizadores da economía local
    É que é así e os feitos o demostran. Non hai ningunha vila, grande ou pequena, que despois de recuperar espazos para as persoas non mellorara e reactivara o comercio na zona. Ponteareas pode ter a súa fisionomía, as súas características propias, pero nese aspecto non vai ser diferente a ningunha outra.

    Cristina Fernández Davila nunha reunión telemática dende o despacho da Alcaldía

    Mobilidade e humanizacións, é complicado facelo nun casco urbano maltratado durante décadas por un urbanismo máis que cuestionable?.
    É complicado e era complicado xa tamén hai tempo. O é dende o momento en que Ponteareas ten rúas nas que, literalmente, unha persoa pode darlle á man a outra que viva no edificio de enfronte. Con ese panorama era moi complexo, sobre todo, imaxinar por onde podías comezar. Unha vez que tivemos a estratexia e o plan definido, a verdade é que esa visión cambiou moitísimo e abríusenos un abano importante de posibilidades de recuperación do espazo público. Con esa base, xa é máis doado formular un plan de acción, o máis complicado é o financiamento para semellantes proxectos.

    Quero lembrar que nestes anos o que fixemos foi centrarnos en ter os proxectos preparados, moitos proxectos de feito, para que cando saian as liñas de financiamento estar preparados e ter todo listo para poder obter unha valoración importante e poder acceder aos fondos precisos.

    Na actualidade traballamos cos nosos técnicos, cos técnicos da Deputación de Pontevedra e tamén cos técnicos da Xunta para seguir definindo e desenvolvendo os que serán os seguintes pasos nese camiño de mellora da nosa vila. Recentemente obtivemos a primeira ARI (Area de Rehabilitación Integral) que solicitamos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, e que abre moitas posibilidades neste eido.

    Pero hai que ter dispoñibilidade orzamentaria…
    Claro, hai que ter cartos propios para afrontar os proxectos. As subvencións financian o 70 ou 80 por cento, pero ti tes que ter un 20 ou un 30 % e de aí a polémica que xurde agora de porque, aseguran, estamos endebedándonos.

    Cando nós chegamos no 2015 a este concello, o endebedamento que tiña o Concello, moito por certo, era para pagar pins, orquestras, gastos correntes… Nós non pedimos créditos deste tipo. Os cartos que pedimos son para rehabilitar espazo público, edificios, desenvolver obras de mellora da eficiencia enerxética, para cambiar luminarias, placas solares e ter aforro enerxético… En resumo, mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños. Utilizamos os créditos para iso e, por enriba, hai que ter en conta que os xuros son moi pequenos, case inapreciables e que case se pagan por si sos. Se conseguimos un aforro enerxético de 300.000 euros ao ano e os xuros do crédito supoñen un pagamento de 100.000 euros, todo o mundo poderá ver que non é mala idea. Se algún quere posicionarse en contra da veciñanza, pode facelo, pero moi de sentido común non parece.

    As parroquias inclúense tamén nese cambio global de Ponteareas?
    Non podería ser doutro xeito porque elas, co casco urbano, son Ponteareas. Por moito que a algúns lles interese poñer o foco de atención sobre as parroquias e que só se está actuando no casco urbano, o certo é que xa temos proxectos feitos para humanizar e devolver espazo público as persoas en torreiros e zonas de centros culturais. Non esquezamos que neses espazos é onde se desenvolve parte da vida das parroquias e polo tanto, a súa mellora e posta en valor, dará unha nova dinamización ás parroquias, outra sensación e unha mellor calidade de vida. Pero para iso hai que dotar ás parroquias de servizos e hai que mellorar tamén os seus espazos públicos.

    Por moito que a algúns lles interese poñer o foco de atención sobre as parroquias e que só se está actuando no casco urbano, o certo é que xa temos proxectos feitos para humanizar e devolver espazo público as persoas en torreiros e zonas de centros culturais

    Un bo exemplo é a subida á igrexa de Guláns. As obras que se realizaron supuxeron un cambio radical para esa zona. Agora estamos co proxecto de humanizar o torreiro, entre a igrexa e a escola o que contribuirá a modificar a fisionomía actual, gañar espazo, como dicía, para as persoas co que iso supón de mellora na calidade de vida, que é o que se busca.

    E así nas vinte e catro parroquias?
    Así nas vinte e catro parroquias. En Paredes, por poñer outro exemplo, hai un proxecto para dotala dun centro cultural ao igual que en Pías. No mandato pasado adquirimos un edificio para convertelo en casa cultural, agora hai que facer a obra para rehabilitalo. Temos moitísimos proxectos e ideas para todas as parroquias pero, como dicía, son 24 parroquias e hai que repartir e racionalizar os recursos e ir con calma, sen pausa pero con calma.

    As subvencións marcan moito os tempos das obras?
    Por suposto. É algo que as veces para desapercibido para a veciñanza que pode preguntarse, “por que non deixan isto para despois?”. Pois simplemente porque temos que aproveitar as subvencións que temos. Non podemos dicir que imos deixar isto para dentro de dous ou tres anos porque a oportunidade está agora e a subvención ou a axuda é para agora e non para máis tarde.

    Boa sintonía coa Deputación?
    Coa Deputación hai diálogo permanente. A administración provincial ten sufrido unha fonda transformación. Agora reúnense con nós, pregúntannos sobre as necesidades que temos, onde nos interesaría máis facer actuacións para despois sacar as liñas de axudas que teñen. É outro talante diferente. Antes as subvencións e axudas eran para os concellos “amigos” agora, pola contra, hai un reparto máis xusto e máis equitativo. Hai unha proporcionalidade respecto ao número de habitantes do municipio e sabes os cartos que podes ter, o que contribúe a unha mellor organización. Por poñer un exemplo, nós agora podemos estudar con detemento que proxectos metemos no Plan Concellos do ano que vén, algo que antes non se podía facer.

    O poden disfrazar como queiran pero esa é a realidade.

    En Ponteareas hai problemas que case poderían cualificarse de históricos polo tempo que levan sen arranxarse, por exemplo, escola infantil e a estación de autobuses.
    Estes son dous temas que están pendentes porque ámbolos dous dependen da Xunta de Galicia. Cómpre dicir que dende o Concello temos contacto permanente coa Xunta de cara a facilitar o máis posible a súa solución para que vaian adiante.

    É complicado porque son competencias plenamente autonómicas e que, dalgún xeito, se trata de que revertan no Concello. Nos podemos facilitar, colaborar e axudar pero o certo é que levamos soportando 1,8 millóns de euros todos os anos de gastos impropios e, como xa lle comentamos á veciñanza en máis dunha ocasión, sen ese diñeiro deixamos de facer moitísimas obras nas parroquias e na vila que se poderían estar facendo.

    Logo está o PXOM, catro letras que convértense en auténticos pesadelos para a maior parte dos concellos. Ponteareas, por fin, parece entrar na recta final.
    Con iso contamos. De feito, non debería haber ningún atranco máis. As modificacións que se levaron a pleno para a súa aprobación definitiva son as que pediu a Xunta, non son as que nos gustan nin as que nos gustaría facer a nós, pero foron as que a Xunta pediu para poder aprobalo. Así que agora non hai xa impedimento ningún. Todo indica, pois, que no mes de outubro, Ponteareas podería ter PXOM despois de 20 anos porque, é preciso facer memoria, levamos con Normas Subsidiarias dende o 2002.

    Unha pregunta tan tópica como necesaria. Marca o PXOM un antes e un despois?
    Sen dúbida. A aprobación deste documento pode supoñer a reactivación económica do municipio, poder empezar coa organización e legalización do polígono da Lomba; poder empezar a negociar coa Xunta outras moitas cuestións que agora non se poden tratar xustamente por iso, por non dispoñer dun Plan Xeral; poder dispoñer de parcelas dotacionais para contar cun novo centro de saúde, con instalacións deportivas, cunha nova EDAR en Moreira, unha nova ETAP en Cristiñade…

    Agora que a pandemia parece remitir, aínda que con picos, a dinamización económica e comercial convértese nun obxectivo prioritario?
    Absolutamente prioritario. Pero non hai que pararse en dinamizar, hai que revitalizar o sector traballando en conxunto coas asociacións e cos e coas comerciantes. É un sector que sufriu moitísimo durante o máis de ano e medio que levamos de pandemia e necesita un reforzo e un pulso importante. En esa liña levamos traballando estes meses e seguiremos intensificando esforzos.

    Modernizarse?
    Nestes tempos case imprescindible. Temos un proxecto moi importante, para o que haberá que buscar financiación que é o da remodelación do mercado de abastos. Esa obra, non só moderniza e optimiza esa instalación senón que é o converte nun elemento de revitalización de toda a contorna. É proxecto pensado para que comunique a rúa Castelao e A Perillana, que as veces parecen illadas, co centro urbano. Esa comunicación revitalizará toda a zona e a súa sinerxía comercial.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.