Mércores, 7 Maio de 2025

Concello e Xunta realizan melloras de seguridade viaria na Avenida de Castelao de Ponteareas

Concello de Ponteareas e Xunta de Galicia desenvolven, esta semana, diversas actuacións na Avenida de Castelao de cara a mellorar a súa seguridade viaria. O Concello habilitará un paso de peóns a carón do parque infantil situado nesa rúa. Segundo explica o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, “trátase dun tramo ocupado por colectores, onde se ubicaba un ‘fotomatón’ e onde estacionaban vehículos obrigando aos peóns a invadir a calzada”. O Concello retirou os colectores e o ‘fotomatón’ e pintará de inmediato o paso de peóns.

Por outra banda a Xunta pintará esta semana cebreados a 10 metros de cada un dos pasos de peóns para asegurar esa distancia mínima de visibilidade. Deste xeito non se poderá estacionar a esa distancia dos pasos de peóns no sentido de circulación, para protexer aos peóns e mellorar a visibilidade dos condutores.

O Concello tamén habilitará nas proximidades do parque infantil, unha nova praza de estacionamento para persoas con discapacidade, que se unirá ás dúas xa existentes.

Mera sinalou que “para velar polo cumprimento das normas en materia de seguridade vial, protexer aos peóns e impedir que os vehículos estacionen sobre o novo paso de peóns no parque infantil, nas zonas cebreadas e nas prazas para persoas con discapacidade sen autorización, a Policía Local intensificará, na medida das súas posibilidades, a vixilancia”.

O concelleiro nacionalista fai un chamamento á veciñanza “para poñer en coñecemento da Policía Local calquera incumprimento destas normas básicas de convivencia e seguridade e poder así actuar con máis eficacia”.