Trinta postos cos mellores produtos artesanais, obradoiros, charlas e excursións guiadas son os ingredientes que fan que cada ano a Feira de Outono de Ponteareas sume siareiros. Os postos de produtos de outono, de primeira calidade, encherán a Praza Maior para brindar aos clientes a oportunidade de mercar alimentos e produtos de hixiene e beleza elaborados de xeito artesán que non se atopan nas superficies comerciais habituais.
Fariña de trigo autóctono, xeados ecolóxicos, xabóns naturais, licores, queixos de todo tipo, chocolates, mel e cogumelos son algúns dos produtos que poderemos atopar na Feira de Outono de Ponteareas.
Se a todo isto lle engadimos castañas asadas recén feitas, moita animación e doses de coñecementos prácticos para mellorar a nosa vida diaria… temos en Ponteareas a fin de semana do día 2 e 3 de novembro o plan perfecto.
O venres día 1 os xogos tradicionais e as actividades infantís sobre a estación do outono abren esta nova edición da feira ás 17 horas. Ás 18:30 no salón de plenos terá lugar unha charla micolóxica e ás 19:30 horas Sergio Cobos presenta o libro “Bailegramas”. Ás 20:30 horas comeza o obradoiro de iniciación ao baile tradional para estar listos para bailar no serán de outono que comezará ás 21:30 horas co grupo Lagharteiras. Chourizo, viño, chocolate e rosquillas serán os reconstituíntes para os que bailen e gocen no serán de outono.
O sábado día 2 e o domingo 3 os postos da feira estarán abertos dende as 11 ata as 20 horas. Fanfarria Farruxa animará o acto inaugural e pecorrerá as rúas do centro urbano. Ás 11:45 o chef Iván Méndez ofrecerá un showcooking eleborando en directo receitas con produtos de outono e posterior degustación. Ás 16:30 horas terá lugar a saída micolóxica guiada e a degustación gratuíta de viño galego será ás 19 horas. A Banda da Balbina estará en concerto ás 20 horas dispostos a facer bailar e rir a todo o público.
O domingo os postos volverán ofrecer os mellores produtos tradicionais e ecolóxicos e na sesión vermú ás 12 horas haberá degustación de balde de vemú animado por Voces do Arrieiro. Ás 17:30 será o magosto e ás 19 horas o concerto de Ardentía. A feira pechará as súas portas premiando á clientela co sorteo de dúas cestas con produtos de todos os postos. Ademais, cada compra poderá ter premio porque nos postos se ofrecerá a posibilidade de obter pequenos agasallos sorpresa.
A tenente de alcalde e concelleira de Eventos, Cristina Fernández, explica que a Feira de Outono “ademais de fomentar o consumo dos produtos de tempada e artesáns, ofrece actividades didácticas que nos achegan á terra e dinamizan o comercio local atraendo visitantes”.