A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, e o concelleiro do Medio Rural, Roberto Mera, xunto a varios técnicos, presentaron onte na parroquia de Arcos o programa de compostaxe individual que se acaba de implantar nesta parroquia ponteareán, no marco do programa Revitaliza impulsado e financiado pola Deputación.
Na presentación de hoxe, Rosa Covelo salientou que unha das liñas estratéxicas a traballar nestes catro anos é a mellora na xestión dos residuos eliminando, por exemplo, toda a materia orgánica que remata no colector verde, reducindo así a contaminación dese lixo que xestiona Sogama. Isto aforrará custos económicos na recollida e tratamento dos residuos e convertirá a materia orgánica en algo útil mediante a súa transformación en abono de calidade.
Durante varios meses os técnicos, acompañdos de representantes veciñais, visitaron todas as vivendas da parroquia acadando o compromiso do 95% dos veciños e veciñas para participar nesta experiencia pioneira en Ponteareas e que se prevé estender durante os vindeiros anos ao resto do rural do concello. Arcos, con preto de 500 habitantes, foi a parroquia escollida porque se axusta en poboación e vivendas aos composteiros individuais entregados pola Deputación e, sobre todo, porque conta cun tecido asociativo moi amplo, activo, organizado e concienciado no respecto ao medioambiente xa que desde hai anos a parroquia realiza actividades de voluntariado medioambiental como a vixilancia dos montes para previr incendios, a eliminación de invasoras como as acacias ou a eliminación dos vertedoiros incontrolados.
Os técnicos explicaron aos asistentes como se monta o composteiro individual e de que forma debe usarse correctamente. Os residuos orgánicos supoñen o 42% do lixo que se produce nun fogar e que, en lugar de rematar nun colector, pode converterse en abono a través dun proceso moi sinxelo que agora a veciñanza poderá realizar na súa casa.
Tras esta primeira reunión na que as persoas participantes recolleron os seus composteiros, os técnicos farán durante o ano 2020 dúas visitas a todas as vivendas para comprobar o correcto uso dos composteiros e aclarar calquera dúbida.