Mércores, 7 Maio de 2025

Ana Fernández Melón presenta en Ponteareas a súa obra ‘1977-2023’

Ponteareas continúa este mércores co seu ciclo ‘Abril, mes do libro’ cunha nova presentación, a de Ana Fernández Melón e a súa obra ‘1977-2023’, un poemario do que resulta un rosario de vivencias e un manual para resistir e sobrevivir. Durante o acto, a autora, nada en Mondariz, achegará ao público a historia que se atopa detrás deste libro que conta cun fermoso limiar da escritora galega Chus Pato.

Este libro reflicte a paixón polas letras da filóloga, gañadora co seu texto ‘A illa do tesouro’ do primeiro premio dunha das edicións do concurso de microrrelatos ‘O libro da túa vida’, organizado polo Concello de Ponteareas. 

A presentación terá lugar este mércores 5 de abril a partir das 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal. O acto estará presentado por Lino Cendón Vidal. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a participar nesta nova actividade de ‘Abril, mes dos libros’, un ciclo de presentación de obras de escritores e escritoras da comarca ou vinculadas á vila de Ponteareqas co que o Concello conmemora o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor que se celebra o vindeiro 23 de abril.