Domingo, 4 Maio de 2025

A Xunta solicítalle de novo a Ponteareas a documentación necesaria para as obras da 1ª fase do saneamento de Ribadetea

A Xunta vén de reiterarlle ao Concello de Ponteareas a solicitude da documentación municipal necesaria para impulsar as obras da 1ª fase do saneamento da parroquia de Ribadetea.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, remitiulle o pasado 3 de febreiro un escrito á alcaldesa, Cristina Fernández, no que lle trasladaba o proxecto construtivo da primeira fase de mellora do saneamento de Ribadetea, logo de culminar a súa redacción,  e solicitándolle a remisión da documentación municipal necesaria para licitar as obras.

Ante a falta de resposta do Concello, a Xunta reenviou hoxe novamente un escrito reiterando a remisión desa documentación imprescindible para poder colaborar co Concello na execución destas obras, que son de competencia municipal.

Concretamente, é preciso que a administración local achegue a certificación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos ou,  de ser o caso, a tramitación do procedemento de expropiación necesario.

Así mesmo, solicítase do Concello a certificación acreditativa do resultado do proceso de información pública, mediante a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia por un prazo non inferior a 20 días hábiles e o informe onde se dea contestación ás alegacións presentadas, no seu caso. De entender o Concello que polo alcance do proxecto ou polas súas afeccións non procede a realización deste trámite de información pública, deberá emitir certificación nese sentido.

Unha vez que a administración local traslade a documentación requirida, poderase avanzar na concreción do convenio de colaboración que estableza o marco de financiamento que posibilite a licitación das obras o máis axiña posible.

O obxectivo é impulsar as actuacións derivadas da actualización do Plan Director de saneamento, realizado pola entidade hidráulica da Xunta, no que se prioriza o desenvolvemento dunha nova rede de saneamento e tres bombeos para recoller as augas residuais nas zonas que se identifican no documento como A Freixa I, A Freixa II e Mourade.  Esta primeira fase é básica para o desenvolvemento do resto de fases do saneamento. O investimento previsto é de 1,4 M€.