Sábado, 3 Maio de 2025

A Xunta autoriza o convenio para reformar a depuradora municipal da Moscadeira de Ponteareas

O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre Augas de Galicia, o Concello de Ponteareas e a sociedade estatal de Augas das Concas de España (Acuaes) para a execución e explotación das actuacións de mellora do saneamento e depuración no municipio pontevedrés.

As actuacións, que suporán un investimento de 11,7 millóns de euros, permitirán a execución da ampliación e reforma da estación depuradora municipal de augas residuais da Moscadeira, así como a mellora e optimización do sistema de saneamento de Ponteareas, tamén de titularidade do Concello.

Mediante o convenio, regúlase a cooperación entre as partes para a execución e financiamento destas obras hidráulicas.

Esta actuación foi declarada de Interese Xeral do Estado no ano 2018, pasando así a ser a súa execución unha competencia do Goberno de España. Para contribuír ao seu desenvolvemento, o Goberno galego achegará 2,34 millóns de euros de fondos propios da Comunidade Autónoma para o seu financiamento.

O obxecto da actuación e as obras

O  concello de Ponteareas conta cun sistema de saneamento que integra o propio centro urbano, a franxa lonxitudinal da estrada N-120, que comunica Xinzo e Anoso, e as parroquias do barrio de Angoares.

A estación depuradora de augar residuais da Moscadeira, deseñada para 13.000 habitantes equivalentes cun sistema de aireación prolongada, está ao límite da súa capacidade en época estival, presenta deficiencias e non alcanza os parámetros de calidade esixibles para cumprir os límites normativos vixentes para o efluente depurado

Ademais, a rede principal de saneamento de Ponteareas presenta unha problemática relacionada principalmente co seu carácter unitario e coa falta de capacidade hidráulica dos colectores perimetrais do núcleo urbano. Isto fai que se produzan verteduras ao leito do río Tea, fundamentalmente en tempo de choiva, e que entren en carga certos tramos dos colectores, sendo frecuente que as tapas dos pozos de rexistro salten e se produza saída de auga residual ao exterior. Ademais, prodúcense infiltracións de augas brancas na rede de colectores, procedentes de arrolos e de fontes.

A actuación ten como obxectivo ampliar a estación depuradora de augas residuais da Moscadeira, así como a mellora e optimización do sistema de saneamento, reducindo as infiltracións que se producen na rede de colectores, e propiciando a captación e separación das augas non contaminadas do sistema de saneamento, co obxectivo de permitir cumprir cos parámetros de calidade do medio receptor durante toda a vida útil da infraestrutura.

Con esta actuación, ademais, darase o primeiro paso para dotar de saneamento a parroquia de Ribadetea, tamén no concello de Ponteareas. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil condiciona a ampliación da capacidade da depuradora a súa autorización a conectar a esta instalación de tratamento as augas residuais procedentes de Ribadetea.