Domingo, 4 Maio de 2025

A Semana das Ciencias de Ponteareas promove a igualdade a través dunha exposición

A terceira xornada da Semana das Ciencias ofreceu conferencias, seminarios e un interesante obradoiro sobre a importancia da muller no mar

“O mar das mulleres” chegou a Ponteareas da man do obradoiro da profesora María Lorenzo “A maleta dos océanos”. A coordinadora do grao de Educación Primaria na facultade de Pontevedra traballou cos pequenos a vida no mar pero, esta vez, dende outra perspectiva.

“A invisibilidade do mar e a das mulleres constitúe un suma e segue. Co obxectivo de contribuír a paliar esta situación é moi necesario trasladar á sociedade a importancia da sustentabilidade do mar con perspectiva de xénero” explica a profesora María Lorenzo. Engade, que neste caso, é relevante por un dobre motivo: “en primeiro lugar, para facer visible a importancia do mar na sustentabilidade e, mesmo, para a supervivencia do planeta en que habitamos, porque os océanos son invisibles para a poboación, malia os case 1500 quilómetros de costa de Galicia e, en segundo, para amosar o papel decisivo das mulleres na sustentabilidade do mar desde o comezo dos séculos”.

Esta actividade encádrase na programación da sexta edición da Semana das Ciencias de Ponteareas promovida en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A través de chamativos paneis e dunha entretida unidade didáctica, profesorado e alumnado de primaria afondaron no océano e no importante papel da muller neste sector. María Lorenzo deixoulles deberes para o tempo na escola e, así, disporán de diferentes materiais didácticos para poder continuar a actividade nas aulas.

Para o público en xeral, o vestíbulo do auditorio municipal acollerá a exposición “O Mar das Mulleres” ata o día 1 de abril. As actividades da Semana das Ciencias tamén tiveron un oco para formar ao profesorado que asistiu ao seminario sobre hortas escolares impartidas no CIFP A Granxa.

O decano da facultade de Dirección e Xestión Administrativa da Universidade de Vigo, Enrique Varela, amosoulle ao alumnado de secundaria os xeitos de hackear á sociedade para facela máis sostible.

Hoxe a partir das 17:00 horas aterrarán na praza Maior obradoiros, contacontos e espectáculos para os cativos. Así, o alumnado seguirá aprendendo da man da profesora da Universidade de Vigo, Xana Álvarez, que achegaranos ao mundo do biodiesel. Pola tarde, os investigadores e empresarios locais Sergio Quiroga de Ecocelta e Pablo Moure e Fernando Castro, de Galinsect, pecharán o ciclo de conferencias ás 19:30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal.