10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Praza de Bugallal entra na derradeira fase das obras coa instalación...

    A Praza de Bugallal entra na derradeira fase das obras coa instalación de xardineiras, bancos e arborado

    Dezaoito xardineiras e bancos e máis de trinta árbores darán a forma definitiva á nova praza

    As obras da nova Praza de Bugallal entraron hoxe na súa derradeira fase co inicio da colocación de dezaoito xardineiras de grandes dimensións fabricadas en granito. Estes elementos de mobiliario urbano, de importante complexidade xeométrica, foron deseñados de xeito personalizado e estanse a executar un a un nun laborioso proceso de fabricación industrial rematado artesanalmente.

    O estudio de arquitectura redactor do proxecto da nova Praza de Bugallal optou polo granito, como pedra local e tradicional por antonomasia da nosa contorna, para unhas xardineiras que son buxardadas na súa superficie e redondeadas nas súas arestas, resaltando así a viveza do material sen afectar á súa funcionalidade e mantemento.

    As obras da nova Praza de Bugallal cofináncianse nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do programa EDUSI “Ponteareas, Hábitat Saudábel”, e nun 20 % polo Concello de Ponteareas.

    As xardineiras, que na maioría dos casos incorporan bancos, dotarán de personalidade e carácter á nova praza, ademais de amabilidade e funcionalidade. A súa situación xera espazos de estancia con diferentes orientacións e soleamentos, ademais de organizar os tránsitos peonís. Cada xardineira adáptase ao lugar concreto da praza onde se sitúa, incorporando bancos de variada ergonomía, con ou sen respaldo, de diferentes anchuras e lonxitudes, agrupados e illados. Deste xeito as xardineiras cos seus bancos contribuirán a fortalecer a Praza de Bugallal como o espazo de encontro por excelencia da vila de Ponteareas, que agora se converterá nun lugar seguro, amábel e tranquilo, con actividade comercial atractiva visualmente e amplos espazos para eventos culturais, relixiosos e sociais.

    Xunto aos alcorques sobre o pavimento xa executados, as xardineiras tamén acollerán arborado. Fronte ás nove árbores coas que contaba anteriormente a praza agora máis de trinta árbores de diferentes especies e portes, algunhas de até 20 metros, asegurarán amplísimos espazos sombreados e dotarán ademais a este espazo de variado colorido, coas floracións primaverais e os cambios de tons da follaxe no outono. Ademais das dúas buganvíleas conservadas na obra, a praza acollerá un importante número de tilos, cinco variedades de liquidambar, pereiras de flor, sangomiños, carballo, faia e as coñecidas como árbores do amor.

    A instalación das xardineiras, iniciada este mércores coa colocación de tres delas, prolongarase durante as vindeiras semanas até completar as dezaoito. O arborado transplantarase nas datas máis apropiadas, en función das circunstancias meteorolóxicas, e en todo caso entre finais de ano e comezos do 2022.

    As obras da Praza de Bugallal reiniciáronse en marzo deste ano, logo de varios meses suspendidas como consecuencia da aparición de tubaxes de amianto no subsolo. Nestes seis meses executáronse os traballos de demolicións, as canalizacións soterradas, a instalación da iluminación e a práctica totalidade do pavimento, agás a zona na que se realizarán nestas semanas os traballos de descarga das xardineiras con vehículos pesados.

    A alcaldesa Cristina Fernández Davila agradeceu a comprensión veciñal e do sector comercial ante os inevitábeis trastornos que sempre ocasionan as obras e salientou que “o esforzo paga a pena porque a transformación da Praza de Bugallal significará un antes e un despois para a nosa vila e a nosa calidade de vida e un avance decisivo para facer Ponteareas máis humana, amábel e atractiva”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.