16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA ponteareá Noelia Porto participará na nova edición de 'Recantos' do 'Luar'...

    A ponteareá Noelia Porto participará na nova edición de ‘Recantos’ do ‘Luar’ da TVG

    Se Ponteareas ten na música un dos seus sinais de identidade, algo que ninguén dubida, a parroquia de Guláns cheira a música polos catro costados. Non é polo tanto de estrañar que unha filla desas terras, Noelia Porto, fora elixida para participar na sección de Recantos do incombustible ‘Luar’ da TVG para representar ás comarcas do Condado, A Paradanta e o Baixo Miño.

    Esta licenciada en Arte Dramático leva, amais, a música no sangue. Canta nunha orquestra, forma parte da Banda de Música Unión de Guláns, e agora afronta ese novo reto logo de mirar un vídeo nas redes no que se anunciaba un casting para a nova edición de Recantos. “Falando cun amigo, –explica Noelia– e animándoo a participar, ao final animeime eu tamén o mandar un vídeo”. Semanas despois Televisión de Galicia púñase en contacto con ela “para comunicarme que sería a nova representante da zona de O Miño”, lembra.

    O programa emítese cada venres na televisión de Galicia contando con diferentes actuacións e seccións, na que os Recantos é unha delas. Así pois, cada venres, a partir de setembro, dous participantes cantarán individualmente e a dúo; logo da actuación o xurado emite o seu veredicto dando unha puntuación a cada un. Ademais, dende a casa a través de chamadas, whatsapps ou mediante as redes sociais, tamén se poderá votar a cada representante.

    O concurso estará divido en fases nas que, ao remate de cada unha delas, as ou os representantes que menos puntuación teñan, quedarán eliminados.

    Noelia Porto non dubida en asegurar que afronta esta nova etapa “con moita ilusión e moitas ganas, sobre todo de aprender tanto a nivel profesional coma persoal”. É perfectamente consciente da gran oportunidade que ten participando no programa pero, afirma, “é tamén unha gran responsabilidade representar a todas estas zonas do Miño, por iso darei o mellor de min cada noite e espero contar co apoio de todos vos”.

    O apoio de Ponteareas e do seu Guláns natal está garantido nun concello que entende de música e que vive a música como poucos outros. Natalia Porto terá detrás, en cada programa, o apoio de todo un pobo. E iso é moito!

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.