14.1 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Picaraña, escenario de luxo para o Campionato Galego de Descenso BTT,...

    A Picaraña, escenario de luxo para o Campionato Galego de Descenso BTT, a proba máis importante da tempada

    O Concello de Ponteareas colabora co ‘Ultimate Downhill do Tea’, organizado polo club Ponte Bike Team o vindeiro 4 de xullo

    Ponteareas, terra de ciclistas e de ciclismo, acollerá o vindeiro 4 de xullo o Campionato Galego de Descenso BTT–Ultimate Downhill do Tea, a que é considerada como a proba máis importante da tempada nesta modalidade e da que sairán 16 maillots de campións e campionas autonómicas.

    A proba terá un escenario de luxo, o monte da Picaraña, que asemella estar feito expresamente para actividades como esta que, organizada polo club Ponte Bike Team e o Concello de Ponteareas, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

    “Para nós é un orgullo formar parte da organización desta proba de ciclismo, que terá un marco incomparable como é o Monte da Picaraña. Eventos deportivos como este fomentan o deporte á vez que nos permiten gozar destes espazos naturais que dende o Concello estamos revalorizando para o goce da veciñanza”, salienta Miguel Bouzó, responsable da Concellaría de Deportes.

    Arredor de 150 deportistas achegaranse ata o monte da Picaraña para participar nesta proba que arrancará o sábado 3 cos adestramentos oficiais e co recoñecemento do circuíto por parte competidores e competidoras e que continuará o domingo 4 coa clasificatoria a partir das 11.00 h e a final ás 12:30 h oras.

    En total serán 16 categorías, dende cadete ata máster masculino e feminino, que farán brillar a primeira edición deste campionato, “a única proba de descenso de Galicia este ano”, como lembra Marcos Porto, do Ponte Bike Team, un club con ano e medio de vida que ten xa en mente formar un equipo de competición desta modalidade a nivel nacional.

    Dende a Federación Galega de Ciclismo agradecen o “traballo que está facendo o Concello de Ponteareas, un referente polo seu apoio ao ciclismo e ao deporte en xeral; ao club organizador, porque sen eles non sería posible; e á comunidades de montes de Arcos por colaborar con nós”. “Esta proba é todo un exemplo de reactivación do deporte tras a complicada situación vivida nos últimos meses”, destaca o presidente da federación, Juan Carlos Muñiz.

    Por mor da situación sanitaria, a competición desenvolverase sen público e con todas as medidas de prevención necesarias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.