21.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Feira do Libro levará a vindeira semana ás rúas de Ponteareas...

    A Feira do Libro levará a vindeira semana ás rúas de Ponteareas máis de 40 actividades e propostas para todos os públicos

    Ponteareas prepárase para acoller unha nova edición da Feira do Libro que, do 14 ao 17 de xullo, encherá a Praza Maior de sinaturas de libros, presentacións, recitais, actuacións e obradoiros para todos os público. Esta nova cita non só permitirá achegar á veciñanza á literatura e á lectura, senón que tamén “permitirá a todas e todos os participantes coñecer de primeira man a moitos autores e autoras que temos na nosa vila e na comarca. Serán catro días nos que continuaremos apostando polo talento local, con actividades para todos os públicos e dinamizando o sector e á propia vila”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

    Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a feira contará nesta edición coa participación das librarías Cortizas, Ledo, Milfollas e Terraa. As casetas estarán abertas ao público de 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 22.00 horas, agás o xoves 14, a xornada inaugural, que abrirá só na quenda de tarde, e o sábado 16, que adiantará a apertura da mañá ás 11.00 horas.

    O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta nova edición da Feira do Libro “que agardamos que atraia a moito público de Ponteareas e da comarca. Para nós é un orgullo ver como persoas vinculadas aos premios ou obradoiros de escritura creativa do Concello comparten espazo e protagonismo con escritoras e escritores consolidados”.

    O programa de actividades comezará o xoves 14 de xullo coa presentación ás 18.00 h da obra de Francisco Álvarez, Koki, ‘Erótica’, á que seguirá Silvia de Pablos (19.00 h) co seu ‘Galician Stories’, Raquel Castro con ‘Planeta Bugallo’ (19 h) e Manuel Monteagudo coa sinatura do seu libro ‘Mar e vento’. Ás 19.30 h será a quenda de Pablo Vázquez e Denís Carballáns, que asinarán exemplares de ‘Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século’. Tras a inauguración oficial e lectura do pregón ás 20.00 horas, o público poderá gozar do recital poético de Samuel Merino e Fernán Permuy (20.30 h) e da presentación de ‘O meu sangue’ de Diego Giráldez (21.00 h).

    O venres 15 a xornada comezará ás 12.00 h coa sinatura do libro ‘La sonrisa eterna’, de Juan Prieto, e ‘Memorias dun exgalego’, de Josiño Araújo Pérez, e cun obradoiro infantil de banda deseñada. Xa pola tarde, ás 18.00 horas a feira abrirá as súas portas coa sinatura de exemplares de ‘La sonrisa eterna’, de Juan Prieto, e de ‘TAM’, de Anémona de Río, así como coa presentación de ‘Florencio’ por parte de Kiko da Silva e do alumnado do Garaxe Hermético. Ás 19 h a sinatura de libros de María Ovelar complementarase coa presentación de ‘Cartoturxia incompleta da represión’, de Julio Fernández e Raquel Castro, e a actuación infantil de Paco Nogueira, que chegará co seu espectáculo ‘Extra!’. Ás 20 h Teresa Río asinará exemplares de ‘Iris Atalaia’ e Marilar Alexandre presentará ‘Unha presa de terra’, mentres que ás 20.30 h Juan Parcero firmará exemplares de ‘A soidade selénica’ e ás 21 h Daniel Asorey presentará ‘Negras’.

    O sábado haberá actividade constante, coas escritoras Finy Sesmonde e Alba López Paredes asinando exemplares das súas obras durante todo o día. Ás 12 h Jessica Rodríguez Piñeiro pechará a feira pola mañá co seu ‘Peúgo, o calcetín melenudo’. Xa pola tarde, Sonia Melón asinará exemplares de ‘Dende a miña xanela’ ás 17 h e, a partir das 18 h, será a quenda dos autores Quinito Mourelle, César Concheiro Guerrico e do obradoiro infantil ‘Argallando’. Esa mesma tarde Artur Alonso Novelhe presentará ‘Mudar o mundo’ (19 h), Irene Montero asinará exemplares de ‘Lúa Nova’ (19.30 h), Francisco Candeira estará con seus ‘Crimes antigos na Galicia Rural – O Condado, 1911-1937’ (20 h) e Charo Pita co seu ‘Retratos en branco e negro’. Xavier Queipo pechará o día coa presentación de ‘Final feliz’.

    A feira pechará o domingo 17 cunha intensa programación. Durante todo o día Juan Prieto e Alba López Paredes asinarán exemplares dos seus libros, mentres que ás 12.00 h Jessica Rodríguez Piñeiro chegará a feira co seu ‘Peúgo, o calcetín melenudo’ e Fina Casadelerrey e Luís Soto con ‘O xenio da cidade de sal’. Pola tarde, Sara Vila Alonso e José Manuel Ledo estarán cos seus últimos traballos a partir das 18.00 horas na Praza Maior, mentres que Miguel Sende presentará ‘O negociador’ ás 19 h e Carlos Callón a súa obra ‘O libro negro da lingua galega’ ás 20 horas. A feira porá punto e final a catro días de literatura cun recital poético a cargo do grupo Versos de Area ás 21.00 horas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.