Mércores, 7 Maio de 2025

A Deputación anticipa ao Concello de Ponteareas preto dun millón de euros do fondo extraordinario de liquidez do ORAL

A Deputación adianta en 48 horas, e sen costes para o concello, toda a recadación tributaria prevista para este ano

A Deputación de Pontevedra vén de autorizar ao concello de Ponteareas o anticipo de 916.962,50 euros do novo Fondo Extraordinario de Liquidez do ORAL, dotado con 21 millóns de euros, unha das medidas do goberno provincial para dotar de máis recursos aos municipios para facer fronte ás necesidades da veciñanza nesta situación de crise sanitaria xerada polo COVID-19. Trátase da cantidade aproximada que o concello de Ponteareas obterá por toda a recadación tributaria deste ano, tomándose como referencia a de 2019. O diñeiro é adiantado en 48 horas ao concello pola institución provincial a coste cero, a pesar de que o Servizo ORAL, no que Ponteareas ten delegadas as competencias para o cobro e taxas e tributos, aínda non recadou nada do correspondente a este ano 2020.

Trátase do sexto concello da provincia, despois de Arbo, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Catoira e Cuntis en acollerse a este Fondo do ORAL para inxectar liquidez municipios, anticipos que ata hoxe suman un adianto por parte da Deputación de 1,8 millóns de euros. Con esta iniciativa, respéctase a autonomía municipal e se dá resposta ás necesidades das vilas e pobos para que poidan enfrontar á crise.

A solicitude de Ponteareas chegou este luns e xa se elaborou a autorización para ingresar de forma inmediata o anticipo excepcional de taxas e prezos públicos que lle corresponden atendendo ao recadado no 2019. Así, da cantidade de 916.962,50 euros, a meirande parte (806.411 euros) corresponde ao anticipo da futura recadación deste ano pola taxa de recollida de lixo e o resto aos tributos polos postos da praza de abastos, postos públicos, vaos e utilización de dominio público por reserva da vía pública.

O Fondo de Liquidez do Servizo ORAL forma parte da batería de medidas postas en marcha polo goberno da Deputación de Pontevedra, a raíz do Estado de Alarma, polo coronavirus para achegar recursos de xeito útil, próximo, rápido e eficaz aos concellos máis pequenos da provincia. Amais, no pleno que se celebrará este venres día 24 levarase tamén á aprobación un plan específico de pagos personalizados que posibilitará á cidadanía e ás empresas o abono fraccionado en varios meses, sen xuros, das cotas do IBI, o IAE, e o IVTM. Amais, ao través do ORAL, a institución provincial tamén prestará o seu asesoramento e colaboración aos concellos, na tramitación dos expedientes necesarios para a modificación das súas ordenanzas fiscaisen relación coas medidas que, na súa potestade tributaria, decidan adoptar.

Ao Fondo do ORAL hai que engadir as axudas extraordinarias; a modificación das Axudas de Emerxencia para poder obter o 100% desde o primeiro momento; a do Plan de Servizos Básicos Comunitarios e o SAF; e o cambio da Liña 2 do Plan Concellos que os municipios da provincia poden agora destinar á crise sanitaria. Todas estas medidas supoñen poñer a disposición dos concellos máis de 28 millóns de euros.