Sábado, 3 Maio de 2025

A Concelleira de Emprego e Formación do Concello de Ponteareas anuncia a contratación de trinta persoas desempregadas

A Concellería de Formación e Emprego, dirixida pola socialista Vanesa Fernández, vén de facer públicas as listaxes de persoal a contratar con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

“Cómpre que dende as institucións fomentemos o emprego e fagamos políticas activas de emprego orientadas a diminuir a taxa de paro, sobre todo agora, coa crise económica e social pola que estamos pasando. Ninguén pode quedar atrás e todos os recursos son poucos para axudar aos nosos veciños e veciñas”, afirma Vanesa Fernández, concelleira de Emprego.

Dendo o Goberno BNG-PSOE vanse destinar arredor de 324.000 euros na contratación de 13 peóns de medio ambiente, un/unha limpador/a, un/unha axudante de cociña, un auxiliar de clínica, tres albaneis, dous oficiais de oficios varios, un fontaneiro, dous peóns de vías e obras, dous auxiliares administrativos/as, un técnico/a en obra pública, un técnico/a de medio ambiente, un técnico/a en Administración pública e un animador sociocultural.

Premer para ampliar

En todas estas categorías hai variedade e diversidade de formación e niveis para darlle oportunidade a un amplo abano de persoas que van dende os postos que requiren titulación a outros que non a precisan.

Dende a Concellería infórmase que é imprescindible inscribirse na oficina de emprego de Ponteareas e as bases do proceso selectivo poderán consultarse na páxina web do concello no apartado “oferta de emprego público” ou no propio Centro de Desenvolvemento Local.

A concelleira Vanesa Fernández incide na importancia da colaboración entre administracións, como a Deputación de Pontevedra cos concellos; para poder achegar os máximos recursos aos veciños e veciñas “que son os que realmente precisan neste intre sentir as administracións ao seu carón”.