Mércores, 11 Decembro de 2024

A complexidade técnica da fabricación e colocación dos bancos xardineiras da Praza de Bugallal retrasan a súa finalización

A arquitecta directora da obra avala nun informe o seu retraso pola dificultade técnica tanto no deseño, como na fabricación e posterior colocación das estruturas

A complexidade técnica do deseño, da fabricación e da colocación dos bancos xardineiras da Praza de Bugallal son a causa do retraso na execución da obra de remodelación da contorna, segundo o avala e xustifica nun informe a arquitecta directora da obra, que forma parte do estudo de arquitectura que redactou no seu día o proxecto.

O Goberno municipal salienta que o proxecto de transformación da Praza de Bugallal foi escollido no ano 2018 nun concurso por un xurado formado por trece persoas, cinco deles representantes políticos, e oito técnicos, catro deles do Concello e outros catro externos e de recoñecido prestixio. Ao concurso presentáronse un total de cinco propostas, resultando gañadora a do estudo Abalo Alonso Arquitectos, quen logo redactou o proxecto técnico que foi aprobado polo pleno en 2019 sen ningún voto en contra.

A obra foi adxudicada á empresa Xestión Ambiental de Contratas (XAC) por un importe de 605.338,28 de euros. Para a supervisión da obra e a súa correcta execución o Concello contratou como Dirección de Obra á arquitecta do estudo gañador do concurso e redactor do proxecto, que é a encargada non só de comprobar a correcta execución dos traballos, senón tamén de xustificar e avalar calquera modificación da obra e calquera ampliación do prazo de remate da mesma.

O Goberno municipal lembra que “nunha obra pública, o Concello como promotor amplía o prazo de finalización se a Dirección de Obra o considera xustificado ou ben penaliza á empresa contratista se incumpren os prazos inxustificadamente”.

O Goberno local aclara que “no caso da obra da Praza de Bugallal o retraso nas obras está xustificado tecnicamente pola arquitecta responsábel da dirección de obra”. Así se recolle nun informe emitido por esta a petición do goberno municipal no que se lembra que o proxecto redactado no seu día prevía un prazo de execución de seis meses e a empresa adxudicataria, XAC Xestión Ambiental, ofertou realizala en cinco. A obra iniciouse o 26 de outubro de 2020, polo que o seu remate debía producirse o 25 de marzo de 2021.

No seu informe, a arquitecta directora de obra explica que primeiro se prorrogou un mes como consecuencia da aparición de tubaxes de amianto. Posteriormente a Dirección de Obra deu o seu visto bo a tres prórrogas que suman 10 meses para facer posíbel a entrega e instalación dos bancos xardineiras e a plantación do arborado. O informe da arquitecta directora de obra achaca a maior parte do retraso á execución e posta en obra dos bancos xardineiras de granito porque “estes elementos están deseñados e fabricados un a un de maneira personalizada. Esta singularidade asume unha complexidade xeométrica resolta cunha fabricación industrial rematada artesanalmente e que sigue un proceso de execución que contempla varios traballos: elección do granito en canteira, modelado en 3D de cada un dos elementos, corte de cada unha das pezas, montaxe do banco en fábrica, abuxardado superficial das caras vistas, transporte e colocación en obra”.

A Dirección de Obra engade no informe que os bancos xardineiras teñen que “realizarse de maneira progresiva no tempo e en consonancia coas posibilidades técnicas dispoñíbeis”, o que supón “a ralentización da execución e posta en obra destes elementos”, superándose con creces a previsión inicial do proxecto. Por último, o informe da arquitecta explica que a ampliación do prazo de remate da obra tamén se autorizou para “axustar o prazo da obra ás recomendacións dos viveiros á adecuación da plantación das árbores aos períodos do ano que ofrecen maiores garantías”, de tal maneira que a Dirección de Obra fixou o prazo de remate das obras no vindeiro 28 de febreiro. Na actualidade están instaladas 6 das 18 xardineiras, prevéndose para a vindeira semana a colocación da sétima e a pavimentación da superficie da praza que quedou pendente para facilitar a colocación deses sete bancos xardineiras.

O Goberno local lamentou o retraso da obra, “debido a razóns exclusiva e estritamente técnicas e avaladas pola dirección técnica da obra”, pediu desculpas á veciñanza polos trastornos que este retraso está a provocar e aclarou que o goberno en coordinación coa Dirección de Obra, está facendo un seguimento exhaustivo dos traballos para a súa pronta finalización.