Domingo, 23 Marzo de 2025

«Conversas sobre o Rural Dixital», a complexidade do emprendemento rural

Dez empresas do Condado apostan por unha visión sostible e renovada do rural no que, as tecnoloxías dixitais, amósanse como un factor clave para o desenvolvemento

O acto de presentación do vídeo Conversassobreo#RuralDixital reuniu, este pasado xoves, a unhas trinta persoas na sede da empresa Galician Brew, na parroquia ponteareá de Padróns. Entre os asistentes, ademais dos protagonistas desta peza de indagación social, estiveron representantes públicos de concellos de Ponteareas, As Neves e Covelo, entidades formativas ou de desenvolvemento comarcal e local como o GDR Condado-Paradanta, CDL de Ponteareas ou o centro A Granxa, emprendedores de O Condado e representantes de asociacións de economía social como Espazo Coop.

Tras a proxección desenvolveuse unha sesión de networking para o intercambio de opinións que deixou patente a necesidade dun debate a fondo sobre as grandes cuestións que afectan ao desenvolvemento rural no que teñan voz os seus protagonistas.

No vídeo aportan a súa testemuña cinco mulleres e cinco homes, que representan distintos sectores e actividades que, directa ou indirectamente, actúan sobre este territorio e a súa posta en valor.

Como interpretan estas persoas a súa relación co mundo rural? Que valores transmiten as actividades que desenvolven? Que estratexias empregan para reforzar a súa visibilidade nun contexto dixital e globalizado? Que factores articulan as súas experiencias persoais co ámbito no que viven?

Para abordar esas cuestións MOUMultimedia presentaba o vídeo Conversas sobre #Rural Dixital, a modo de conversa con dez persoas emprendedoras que viven e traballan no Condado.

Os entrevistados foron Isabel Alonso / Casa rural O Corzón (Turismo rural); Rosi Covelo / Aloumiños da Terra (Agricultura ecolóxica); Félix Fernández / Adegas Luz (Albariño e Condado Abadía de Tortoreos); Xosé Manuel Gil / Gaitas Gil (Instrumentos musicais galegos artesáns); Begoña Pérez / Conservas Pecados del Mar (Receitas tradicionais gourmet); Rita Pérez / Xirela (Servizos técnicos forestais); Carlos Prieto / Circe Materia (Construción de casas de madeira); Xosé Manuel Sendín / Comunidade de Montes de Paraños; Diego Troncoso / DiE Gabinete técnico (Enxeñaría técnica agrícola, arquitectura e consultoría ambiental) e Isabel Viéitez / Galician Brew (Cervexas Curuxa).

A terra e os seus produtos e os servizos que dan forma ao territorio son a base da actividade dos nosos dez protagonistas. Agricultores ou viticultores, artesáns, emprendedores, innovadores e tamén consultores ou xestores que aportan unha visión enriquecida do que é vivir hoxe no rural.

Reelaboran receitas herdadas como produtos gourmet, inventan novos produtos ou reinventan vellos instrumentos, traballan a terra ou ofrecen servizos que van desde o forestal ata a construción de vivendas.

Local e global

Na visión que os participantes teñen do produto rural conviven valores como a sostibilidade, a responsabilidade alimentaria, o respecto pola tradición e a necesidade da innovación.

Do mesmo xeito que na reflexión sobre o territorio predomina unha aproximación crítica a un modelo de xestión actual que non aporta valor e dificulta as iniciativas de recuperación ambiental ou patrimonial.

Todos son conscientes de que a ruralidade marca, para ben e para mal, a súa experiencia empresarial. Todos coinciden en sinalar as tecnoloxías como unha ponte para superar dificultades de comunicación ou contacto cos destinatarios das súas actividades.

As veces é a mesma tecnoloxía a que permite saltar distancias e conectar cos clientes e mercados. Pero para aproveitar esas oportunidades do mundo dixital teñen que salvar as dificultades dunha infraestrutura tecnolóxica insuficiente, da falta de formación específica ou de tempo para construír estratexias axeitadas.

E tamén botan en falta incentivos para que a xente máis nova poida atopar no rural unha base para o desenvolvemento de novas iniciativas que axuden á recuperación da poboación.

As conclusións

Como indican os participantes nesta conversa, no rural conviven iniciativas para recuperar ou reinventar os produtos de sempre xunto a experiencias innovadoras.

A xestión do territorio con novas realidades como o despoboamento e o abandono do rural polas novas xeracións precisa de iniciativas capaces de darlle valor ao monte.

O factor clave é unha aposta por prácticas que combinen aspectos produtivos e visión sostible, tanto para posicionarse con éxito nos mercados como para desenvolver unha nova visión do rural.