13.9 C
Pontevedra
Venres, 8 de Decembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasA Banda de Xinzo pecha 2018 cunha eficaz xestión da súa directiva

    A Banda de Xinzo pecha 2018 cunha eficaz xestión da súa directiva

    A Banda de Música Xuvenil de Xinzo (Ponteareas) celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria o pasado sábado 23 de marzo, no Auditorio do Centro Cultural de Xinzo. Nela aprobáronse, entre outras cuestións, o balance económico do pasado ano 2018 cun importe positivo de 54.000 euros, e o orzamento deste ano 2019 que ascende a 74.200 euros. A boa xestión da Directiva queda reflectida no feito de que todos os puntos da Asemblea, foron aprobados por unanimidade.

    No apartado de ingresos de 2018, destacan as achegas da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Ponteareas, que en total suman 29.500 euros. Ademais de 27.000 euros pola realización de diferentes concertos ao longo do pasado ano.

    A Tesoureira, Silvia F. Táboas, tamén remarcou que para este ano 2019, os importes máis destacados no orzamento de gastos, “son a partida de 21.350 euros para a Escola de Música,
    6.000 euros para as obras de mellora nas instalacións da Asociación situadas no propio Centro Cultural Xinzo, ou 16.000 euros destinados para a compra de instrumentos”.

    Con respecto á actividade da Asociación, a Xunta Directiva da Banda de Xinzo, na Asemblea informouse que, neste ano 2019, “daráselle un impulso á Coral Cantares de Xinzo, sen esquecer a continuidade de accións para unha mellor organización e funcionamento da Escola de Música”.

    Con respecto á propia Banda de Música Xuvenil de Xinzo, confirmouse a súa volta á ‘competición’ bandística galega, coa participación no XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares que se celebrará no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) durante os días 2 e 3 de novembro. Organizarase o XV Festival de Bandas de Xinzo que se celebrará o próximo 5 de maio, e que servirá como estrea absoluta de diversas composicións tradicionais galegas de Antonio Represas García, O Marreco, adaptadas para Banda polo compositor Pedro Lamas. Ademais, está prevista unha viaxe a Málaga entre os días 23 e 28 de xullo, que combinará música e lecer.

    O presidente da Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Francisco J. Represas Carrera, agradeceu, en nome de toda a Xunta Directiva, “o apoio recibido por todos os socios durante todo este tempo”.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.