Domingo, 4 Maio de 2025

A aula CeMIT de Ponteareas pechou o 2021 cun cento de cursos e máis de 950 horas de formación

Adaptada á realidade sanitaria, con prazas presenciais e en liña, a aula acolleu alumnado de entre 8 e 80 anos

A aula CeMIT de Ponteareas continuou durante todo o 2021 coa súa aposta pola formación en novas tecnoloxías. Adaptada á nova situación sanitaria, dende o pasado mes de febreiro o centro ofertou case un cento de cursos de balde de temáticas variadas dirixidos a todos os sectores da poboación, máis de 950 horas de formación presencial e en liña.

Con estas iniciativas o Concello busca “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos e ferramentas necesarias para que persoas de todas as idades poidan desenvolverse cun ordenador ou un dispositivo móbil”. “Queremos derrubar estereotipos e espertar vocacións entre a mocidade, pero tamén prestar especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”, salienta o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

Neste sentido, a aula CeMIT contou con participantes dende os 8 aos 80 anos que puideron gozar de cursos con contidos adaptados a cada perfil de idade e tamén de coñecementos. O edil fai un balance “moi positivo” do último ano, no que 500 persoas participaron de xeito directo nas accións formativas e no que se rexistraron 150 novas altas de usuarios e usuarias na aula.

Entre as accións con máis horas formativas atópanse os cursos relacionados cos dispositivos móbiles, con 24 accións e 253,8 horas dirixidas a persoas sen coñecementos previos. Ademais, desenvolvéronse outras 29 accións cun total de 226,3 horas relacionadas con imaxe, audio e vídeo para usuarios e usuarias con capacitación dixital avanzada. Durante todo este ano tamén se realizaron actividades formativas relacionadas coa formación dixital básica, coa busca de emprego, a Administración electrónica, as redes sociais ou a ofimática, entre outras. Pero sen dúbida o que gañou maior protagonismo foi o móbil e aprender a usalo e a sacarlle partido nun momento de restrición de contactos persoais.

Dada a alta incidencia da pandemia a inicios de 2021, de febreiro a maio a aula CeMIT adaptou a formación a clases en liña abertas a persoas de toda a comunidade autónoma, volvendo a formación presenciar na aula en setembro. “A aula de Ponteareas foi unha das poucas CeMIT de Galicia que mantivo a formación a través das clases en liña durante o período de restricións de mobilidade. Para nós foi un orgullo saber adaptarnos ás circunstancias variables que ía traendo a situación sanitaria e tamén ás necesidades da veciñanza, xa que había persoas que demandaban unha situación presencial ao non ter o equipamento axeitado, coñecementos ou simplemente por preferencia”, destaca Márquez.

Durante o 2021 a aula CeMIT tamén colaborou coa Asociación de Maiores de Ponteareas na realización de actividades e participou no programa promovido por AMTEGA en colaboración coa Asociación Galega de Software Libre (AGASOL), a través do que se organizaron obradoiros de STEAM para os máis pequenos e pequenas. A aula volverá retomar a súa actividade en breve.