19.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Xullo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizXosé Emilio Barros, “Mondariz tivo, durante moito tempo, Gobernos cun pensamento que...

    Xosé Emilio Barros, “Mondariz tivo, durante moito tempo, Gobernos cun pensamento que non ía máis aló da seguinte cita electoral”

    Por primeira vez na historia de Mondariz, o concello ten ao seu fronte a un alcalde nacionalista. Xosé Emilio Barros chega á alcaldía co apoio, non pactado dito sexa de paso, dun PP quen –máis por enfrontamento persoal co cabeza de lista de AporM que por táctica política– optaba por apoiar ao BNG. Logo, o pacto co PSdeG-PSOE, contribuía a darlle algo máis de estabilidade a un Goberno que, en minoría, terá que recorrer ao consenso e diálogo para sacar os temas importantes para Mondariz e a súa veciñanza.

    Un mandato cun principio un tanto convulso.
    Eu entendo que non tanto como parece e, en todo caso, dentro da lóxica normalidade dunha corporación municipal moi fraccionada, moi repartida e que obriga un pouco a chegar a acordos, a xestionar as cousas dende unha perspectiva de realidade. Non podemos esquecer que, na Corporación hai once concelleiros e concelleiras repartidos en cinco forzas políticas. Isto é unha realidade obxectiva e, polo tanto, isto necesita acordos, pactos e participación de todos.

    O apoio do PP para que vostede acadase a alcaldía deu moito que falar…
    Si. Falouse de pactos ocultos e de manobras estrañas…

    Inexistentes?
    Totalmente. Todo aquel que me coñeza sabe de sobra que, por convicción e pola miña forma de ser, para min é impensable un pacto co Partido Popular. Para min en política non todo vale

    Considerase vostede un home de consenso?
    Si, sen lugar a dúbidas. Unha proba diso é a participación e traslado de información en todo o que atinxe á vida municipal. Pero esa transparencia á hora de traballar non queda só en palabras, senón que se traslada a feitos. Así, por exemplo e a proposta desta Alcaldía, as obras de asfaltados serán tratadas nunha comisión de Urbanismo onde todas as forzas políticas participarán e na que se establecerán unha orde de prioridades e necesidades desas obras. Outro exemplo de participación e que Mondariz, por primeira vez, contará cun Plan de Acceso a Vivendas no que imos participar todas as forzas políticas. Esa é a dirección. Ese é o camiño que temos que seguir para que esa diversidade política da que falabamos antes, sexa algo enriquecedor e positivo. Temos que a capacidade de transformar esa circunstancia en algo que beneficie ao municipio e a súa veciñanza.

    En que situación estaba o Concello a súa chegada? 
    O anterior mandato caracterizouse polo feito de que o anterior Goberno tratou de facer visibilizar unha gran xestión económica que non era tal. De feito, tan pronto chegamos ao Goberno descubrimos que había algunha cuestión, como as débedas pendentes de pago do Centro de Día, que xa estaban a través do fondo de Cooperación na vía de detraemento, de ‘embargo’ que se diría coloquialmente. Chegaramos ao punto en que ían a comezar a retraerlle recursos e fondos a este Concello por esa débeda. Ademais diso, atopámonos co que se podería cualificar de ‘falta de rigor’ no fondo das cuestións.

    En que sentido?
    Pois no sentido que neste Concello, durante moitísimo tempo, non se afrontaron en serio as problemáticas en servizos básicos. Cuestións como a auga potable, saneamento, alumeado público incluso en temas como a estrutura de traballo dos propios operarios e funcionariado municipal… todo ese tipo de cuestións non foron nunca afrontados en serio neste concello e este é o traballo que estamos intentando facer nós, sendo conscientes que ese é un traballo moito menos visible, electoralmente pouco agradecido poderíamos dicir, pero que estamos convencidos que, por responsabilidade, este Concello necesita un cambio dende dentro, dende abaixo. Non necesitamos facer moitas obras nin moi rápido, é cuestión de crear e asentar as bases da estrutura deste concello cando menos para os próximos vinte ou vinte e cinco anos.

    Con visión de futuro…
    Evidentemente. Creo que non hai outra forma de facelo e, curiosamente, é o que nunca se plantexou neste concello.

    Queixábase a oposición de falta de transparencia, problemas á hora de acceder á documentación municipal, falta de acceso aos pactos de Goberno.
    Non hai moito que dicir. Os feitos están aí. No que ao pacto de Goberno fai referencia, o conxunto do Goberno fomos parroquia por parroquia explicando aos veciños e veciñas en que consistía o novo Goberno, como tiñamos pactado e que habíamos pactado, etc. Maior transparencia dubido que exista. Esta era a primeira vez que un Goberno presentábase cada venres nunha parroquia, poderíase dicir que a cara descuberta, diante da veciñanza para que puidesen dicirnos todo que consideraban que tiñan que dicir, o bo e o non tan bo.

    Xosé Emilio Barros e concelleiros do Goberno municipal de Mondariz, nunha das charlas desenvolvidas nas parroquias en 2019

    Maior transparencia dubido que exista. Esta era a primeira vez que un Goberno presentábase cada venres nunha parroquia, poderíase dicir que a cara descuberta, diante da veciñanza para que puidesen dicirnos todo que consideraban que tiñan que dicir, o bo e o non tan bo

    O certo é que tivemos unha magnífica acollida e a iniciativa foi moi valorada porque podían falar libremente, presentar as súas demandas e as veces darnos un ‘pouquiño de caña’, como é lóxico. Pero, dese xeito, nós tíñamos tamén a oportunidade de explicarlles a situación do Concello, o pacto de Goberno, o reparto de áreas, que funcións levaba cada un… Iso é un exercicio de transparencia que, neste Concello nunca se tiña feito e dubido que haxa moitos concellos que o teñan realizado.

    E o acceso á documentación?
    Iso xa non hai nin que comentalo porque todo concelleiro e concelleira ten acceso á documentación non só porque sexa unha obriga legal, senón por propio convencemento de que é o camiño a seguir.

    Seis meses despois… as cousas tranquilízanse?
    Eu creo que sempre estiveron tranquilas. Tampouco debemos esaxerar as cuestións. As cousas nunca pasaron do que se podería chamar coloquialmente un rifirafe político, pero nada máis. Non percibo nin intranquilidade nin crispación; é máis, a nivel social percibimos comprensión e tranquilidade e débese fundamentalmente a que cando as cousas explícanse con claridade, a veciñanza entende perfectamente. Ao mellor hai que aguantar un ‘chaparrón’, unha crítica, pero cando lles explicas as razóns dunha actuación, tes argumentos e lle expós aos veciños e veciñas eses argumentos é moi difícil que a cidadanía non o entenda.

    Se o explicas…
    Claro, porque non se pode fuxir dos temas en lugar de afrontalos. Se lle fas fronte ao problema e o explicas todo é máis doado. A cidadanía é intelixente e o comprende perfectamente.

    Todo o que se fixo foi sempre con vistas a cando toca a seguinte cita electoral das municipais e ese e o principal problema de Mondariz. Isto explica que, por exemplo, que non haxa unha pequena área industrial ou empresarial, que no ámbito turístico –que temos un potencial espectacular– non teñamos un contido estruturado que ofrecer como tal. Vivimos do nome, pero o nome ten que ir acompañado dunha estrutura turística ao redor porque senón iso esgótase…

    Podería aproveitarse o tirón que, nese sentido, ten Mondariz Balneario?
    Creo que si porque somos complementarios. Mondariz e Mondariz Balneario ou Mondariz Balneario e Mondariz, que tanto ten, temos que complementarnos non só nestes temas senón tamén en servizos. Hai que ampliar esa colaboración porque, curiosamente, vivimos moi de costas un de outro a pesar de que somos ‘irmáns’ e polo tanto, nós temos clarísimo que esa colaboración ten que multiplicarse.

    Cales serían, para vostede, os grandes retos de Mondariz nestes momentos?
    Sentar as bases do futuro. Ese é o gran reto. Mondariz durante moitísimo tempo viviu gobernos cun pensamento que non ía máis aló da seguinte cita electoral e esa situación, acumulada no tempo, arrastrounos a un concello decaído, onde faltou a capacidade de crear accións e estruturas con vistas ao futuro.

    Xosé Emilio Barros, quen tamén é concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo e concelleiro de Participación Veciñal, nas primeiras Xornadas de Oportunidades de Desenvolvemento Rural en Mondariz, celebradas en outubro de 2019

    Sentar as bases do futuro. Ese é o gran reto. Mondariz durante moitísimo tempo viviu gobernos cun pensamento que non ía máis aló da seguinte cita electoral e esa situación, acumulada no tempo, arrastrounos a un concello decaído

    E posible frear o despoboamento rural?
    É difícil. Duro, complexo e difícil pero posible. No caso de Mondariz eu creo que si é posible. Por que? pois porque Mondariz está situado nunha faixa entre a zona costeira e a zona interior. Esa é unha vantaxe que temos que aproveitar porque estás á beira de núcleos de poboación moi potentes, como son os costeiros e iso permitiríanos, cunhas estruturas axeitadas, poder ser un referente en calidade de vida, dun pobo de semiinterior e recursos naturais para reter poboación. Esa falta de estruturas das que falabamos antes, fixeron que se multiplicase a caída demográfica…

    Pero para iso precísanse servizos que non dependen do Concello como transporte, sanidade, ensino…
    Por suposto, porque as cousas nunca acontecen por unha soa razón senón que suceden por un cúmulo de circunstancia que, sumadas, dan pe a que suceda algo. Mondariz ten un nome, un don, un ‘algo’ que as veces é difícil de explicar e que, ata o de agora, non fomos quen de poñer en valor.

    Se lle preguntaran, a un ano vista cales son os obxectivos máis inmediatos do Goberno?
    Pois eu lle contestaría que dar os primeiros pasos en todas esas estruturas das que falabamos antes e, eses primeiros pasos, comezan polo compromiso expresado na Comisión Municipal de Urbanismo de desbloquear un PXOM que leva bloqueado dende o 2006. Expresámoslle aos demais grupos esa necesidade e a intención do Goberno de avanzar neste tema.

    Estamos plenamente decididos a dar os primeiros pasos nese camiño pero tampouco queremos poñer listóns moi altos. Trátase de que os pasos que deamos o fagamos con seguridade, con firmeza. Nós non tomamos decisións por un criterio electoral, tomamos decisións dende un criterio de responsabilidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.