5.8 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoMondarizVoltan a Mondariz as xornadas do baile comunal

    Voltan a Mondariz as xornadas do baile comunal

    Logo de tres anos de parón despois da pandemia, neste outono do 2023 regresan á vila de Mondariz as xornadas adicadas ao baile comunal, o que nas terras do Condado se coñece como serán. O domingo 29 e martes 31 de outubro decorrerá a terceira edición de O SERÁN DESTA ALDEA, xornadas do baile comunal, organizadas pola Asociación de Gaiteiras Galegas coa colaboración do Concello de Mondariz, a Xunta de Galicia e o Cear Castromao de Mondariz. Logo de estar adicadas no 2018 ao lugar do Ceo, e no 2019 ao de Cernadela, a aldea homenaxeada este 2023 é a de Aboal (Mondariz).

    Dúas xornadas onde compartir tradición, tocando, cantando, bailando e homenaxeando ás tocadoras e beilladoras da aldea protagonista, reivindicando ás nosas grandes mestras da tradición oral e colaborando a consolidalas como o referente vivo que teñen que ser.

    Nesta edición, que se amplía a dous días, homenaxeamos ao barrio de Aboal (Mondariz) e as súas tocadeiras e beilladeiras Benedicta Carballo Suárez, Emérita Alfaia Seoane, Marina Pedreira Alfaro, Orlando Garrido Barral e Raimunda Alfaia Seoane. (No cartel de ezquerda a dereita; Marina, Raimunda e Benedicta. Fotografía de Guillerme Ignacio)

    O domingo á mañá contará cun obradoiro monográfico sobre a pandeireta en Aboal impartido por Xandre Outeiro pola mañá na biblioteca, e pola tarde na Praza de Abastos un obradoiro de baile en Aboal impartido por Miguel Souto, ambos mestres e compiladores que fixeron traballo de campo na aldea homenaxeada. O antropólogo Rafael Quintía falaranos sobre o BIC A Foliada, e a seguir teremos un coloquio participativo, moderado por Guillerme Ignacio e no que contaremos con Rafael Quintía e mais con Xulia Feixoo, dous dos redactores do informe técnico para a declaración da foliada como BIC.

    O martes 31 ás oito na Praza de Abastos de Mondariz renderáselles homenaxe ás persoas que contribuíron a que o patrimonio musical inmaterial de Aboal poida ser legado ás seguintes xeracións. Catro mulleres (unha a título póstumo) e un home que durante anos atenderon a todo aquel que quixo aprender as músicas e os bailes que fixeron parte da súa mocidade, da súa vida. Por esa importante e desinteresada labor serán recoñecidas publicamente como “Mestras pandeireteiras”.

    O culme das xornadas será a continuación, na mesma Praza de Abastos, cun serán ao xeito dos que se recuperaron no Condado a mediados dos anos noventa, con música para o baile feita por todas aquelas persoas ou colectivos que se acheguen a Mondariz neste víspera de festivo.

    A asistencia ás actividades é de balde previa inscrición. Para asistir ao xantar de confraternización é preciso inscribirse antes do día 25 de outubro. Pódese realizar a inscrición a través do correo electrónico secretaria@gaiteirosgalegos.gal ou a través de teléfono nos números 986 847 074 – 982 229 966.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.