Sábado, 3 Maio de 2025

Vilasobroso lanza unha campaña de doazóns para restaurar o colexio de Valiño

A Entidade Local espera que o veciños acheguen os case 25.000 euros que faltan dun proxecto total de 400.000 euros financiados por Europa

A Entidade Local de Vilasobroso logrou unha subvención de fondos Europeos xestionada polo IDAE para a restauración do antigo grupo escolar de Valiño. Unha demanda histórica da veciñanza dado o estado calamitoso desde que deixou de ser unha escola unitaria xestionada pola Xunta de Galicia vai máis de 10 anos.

Aos máis de 300.000 euros achegados por Europa hai que sumarlle os 55.000 desde a propia Entidade e os 20.000 euros da deputación de Pontevedra que ademais tramita esta importante subvención por iniciativa do goberno de Vilasobroso, pero aínda falta un 6% para conseguir completar os fondos necesarios.

“É un fito importantísimo para a historia da nosa parroquia e queremos facer partícipes aos veciños e a tódalas persoas con cariño por Vilasobroso” comenta o alcalde pedáneo de Vilasobroso, Alexandre Estévez Gil, que anima a recadar os case 25.000 euros que aínda fan falla.

A subvención de envolvente térmica restaurará integramente o fallado, o tellado, as placas do edificio, as paredes interiores e toda a carpintería exterior, e farán do emblemático grupo escolar un dos edificios de mellor eficiencia enerxética do país.

Para conseguir o financiamento a Entidade Local estrea a súa nova páxina web vilasobroso.gal onde se achega a información precisa e se anima a participar nesta campaña de doazón.

vilasobroso.gal é unha ferramenta que ademais de fotos históricas e información do proxecto, describe de que xeito facer as achegas” explica o pedáneo. Desde a páxina recomendan achegas de 150 euros porque poderán desgravarse ata un 80% e incluso activaron un bizum similar ao da ONG’s. “Está sendo un traballo inxente pero calquera esforzo pagará a pena se conseguimos ver o colexio de Valiño restaurado e dependerá de nós, das veciñas e dos veciños poder afirmar con orgullo que  Vilasobroso ten Entidade”