Xoves, 20 Marzo de 2025

Pablo Barcia destaca que unha lei promovida polo PPdeG consegue o mantemento da actual praza de pediatría de Mondariz

O voceiro municipal do PP confirma que o Sergas vai dar solución a este posto de difícil cobertura confirmando a súa continuidade de xeito compartido co Concello de Covelo como na actualidade

O voceiro municipal do PP de Mondariz, Pablo Barcia, vén de anunciar a próxima cobertura con carácter fixo da actual praza de pediatría no centro de saúde do municipio trala resolución dun concurso de méritos para prazas sanitarias de difícil cobertura, que se resolverá nos vindeiros días e que permitirá manter a este profesional, como na actualidade, de xeito compartido co Concello de Covelo.

Esta convocatoria de 60 prazas de pediatría de atención primaria, que inclúe a de Mondariz, foi anunciada en febreiro de 2023 polo presidente Rueda e realizouse a través da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada no Parlamento de Galicia co voto en contra de BNG e PSdeG.

Esta lei incentiva a cobertura destas prazas ao ofrecer o maior nivel de estabilidade laboral, obtendo unha praza fixa en propiedade, cun sistema de acceso máis sinxelo e áxil: un concurso de méritos que non require exame de oposición. Barcia lamentou a postura de PSdeG e BNG lembrando que, se por eles fora, non se podería realizar este proceso e cubrir esta praza e criticounos a eles e aos seus socios por encabezar protestas e reclamacións de máis persoal sanitario mentres os seus partidos votan en contra das solucións.

“Estábamos nunha situación límite e complexa, pero con moito traballo, que hai que dicir que se fixo desde o PP porque o goberno local desentendeuse e preferíu usar este tema para tentar sacar réditos electorais, pois conseguimos que se manteña a praza actual e que se lle dea resposta a través dos concursos para postos de difícil cobertura”, explicou o concelleiro popular, que cre que, deste xeito, “vaise garantir que os veciños reciban unha cobertura axeitada na atención pediátrica beneficiando aos 360 cativos de Mondariz”.

Pablo Barcia agradeceu o traballo, a colaboración e a implicación do xerente da área sanitaria, Javier Puente, na resolución desta cuestión sanitaria e anunciou que, en vindeiras datas, desprazarase ata o concello para manter unha reunión informativa cos veciños na que se abordará a situación real do servizo de Pediatría e do centro de saúde e tamén as previsións de futuro.

“Mentres os partidos de esquerdas deron completamente as costas aos veciños de Mondariz e se adicaron neste asunto a montar barullos, manifestacións e manipulacións contra a Sanidade Pública, desde o PP actuamos con responsabilidade e puxémonos a traballar para tratar de buscar unha solución a un problema estrutural de carácter nacional, que é a falta de pediatras, e afortunadamente conseguimos o noso obxectivo de que se manteña a praza e o servizo, xa que debémonos exclusivamente aos veciños e ao seu benestar”, concluíu Pablo Barcia.