Domingo, 11 Maio de 2025

“Medrando entre todos/as” xa leva tres meses de actividade

A iniciativa “Medrando entre todos/as” conxunta dos concellos de Mondariz e Covelo supuxo a contratación de 26 persoas: 10 na especialización en atención sociosanitaria, 10 na especialización en traballos forestais e de xardinería, e 6 en administración e docencia. Trátase do primeiro obradoiro de emprego que acolle o Concello de Mondariz en 15 anos.

No ámbito da dependencia, as persoas que participan no obradoiro están realizando unha formación práctica vinculada a dous certificados de profesionalidade de nivel 2: atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións.

Esta capacitación profesional é moi importante para atender as necesidades dunha poboación cada vez máis avellentada, e estáse a levar a cabo nas instalacións municipais de Pé de Muíño (Riofrío).

Tamén realízanse traballos de recuperación ambiental que están realizando na Cela dentro do ámbito forestal. O acondicionamento desta parcela municipal, a través de “Medrando entre todos/as”, convertida en cascalleiro despois de anos de abandono, permitirá o futuro desenvolvemento dun albergue turístico no Concello de Mondariz.

Este proxecto estratéxico para promover o turismo na localidade xa está en marcha, coa tramitación do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) da Cela iniciado polo goberno municipal.