Luns, 10 Febreiro de 2025

Mondariz recibe a un grupo de scouts cataláns

O equipo de goberno do Concello de Mondariz, encabezado polo alcalde Xosé Emilio Barros, recibirá este martes, 3 de setembro, a un grupo de scouts da asociación ‘Escoltes catalans’. En total, son 15 persoas (doce rapaces e rapazas de entre 15 e 16 anos e tres monitoras) chegadas de Alcarràs, un pequeno concello da provincia de Lleida.

Este grupo de scouts escolleu Mondariz como destino do seu primeiro viaxe de traballo voluntario fóra de Cataluña porque algúns dos seus membros estaban familiarizados con Galicia e recibiran boas referencias do lugar.

Os mozos e mozas contactaron co Concello de Mondariz para ofrecer a súa colaboración voluntaria en actividades que beneficiasen á comunidade a cambio dun sitio onde durmir.

Durante unha semana, entre os días 3 e 10 de setembro, os scouts recollerán lixo polas sendas do río Tea, reconstruirán o parque infantil do Monte da Ovella e reestructurarán a sala de lectura da Axencia de Lectura da ELM de Queimadelos.

Estas actividades de traballo comunitario voluntario foron consensuadas polo equipo de goberno, que dará apoio e supervisará as tarefas a través das concellerías de Desenvolvemento Económico e Turismo, Igualdade e Mocidade, e Medio Ambiente e Deporte. Debido á falta de infraestructura municipal para o aloxamento turístico, o Concello de Mondariz habilitará o pavillón polideportivo como campamento dos scouts.