Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz pechará a piscina municipal en verán para destinar máis recursos a servizos básicos

Os 14.000 € que costa manter aberta a piscina durante dous meses permitirán dar unha mellor resposta municipal á emerxencia social derivada da pandemia de COVID-19

Considerando os requerimentos extraordinarios en materia de hixiene, desinfección e distanciamento social que figuran no protocolo de Sanidade para a reapertura de piscinas e as características das instalacións municipais, o Concello de Mondariz manterá pechada a piscina municipal durante os meses de verán para preservar a seguridade e priorizar recursos. “Os 14.000 euros que costa abrir a piscina en xullo e agosto (sen contar o suministro eléctrico, o servizo de limpeza nin os socorristas) serán destinados a servizos básicos e gastos de emerxencia social”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.

A piscina municipal de Mondariz, un espazo aberto situado no recinto do antigo C.E.I.P. Riofrío-Vilar (actual sede da Escola Municipal de Música), foi construída ao abeiro dun plan estatal (Plan E) e cofinanciada pola Deputación de Pontevedra. Despois da súa inauguración, en maio de 2015, mantívose aberta catro meses. Desde 2016, sen embargo, a apertura da piscina reduciuse aos meses de xullo e agosto debido á pouca afluencia de persoas.

“A piscina municipal é unha instalación cada vez máis deficitaria que incluso require obras de mantemento no vaso e no recinto. Tendo en conta que os protocolos sanitarios pola COVID-19 conlevan unha reducción do aforo na xa pequena área de esparcemento e uns considerables custos adicionais en medidas de hixiene e desinfección, a súa apertura é inviable económicamente. Por outra parte, os escasos recursos do Concello obrigan a establecer prioridades”, sinala o alcalde de Mondariz. “A prioridade política deste goberno é manter e reforzar os servizos básicos (incluídos os servizos sociais comunitarios, que xestionan o banco de alimentos e atenden emerxencias sociais), sobre todo despois da crise sanitaria e económica que está a deixar a COVID-19”, puntualiza.

Respecto aos servizos básicos, o goberno municipal liderado por Barros emprendeu fai uns meses un proceso de regularización de captacións de augas completamente inédito na historia recente do Concello. “Durante este primeiro ano de goberno atopamos graves irregularidades que tivemos que afrontar. Entre elas, un completo descontrol político-administrativo das captacións de auga municipais que demostraba o menosprezo dos servizos públicos municipais máis esenciais”, explica o alcalde. 

“Coa crise sanitaria e económica da COVID-19 tamén se observa un incremento das solicitudes de axuda no ámbito social. Durante estes últimos meses dedicamos notables esforzos e recursos ao banco de alimentos para incluír produtos frescos e aumentar a periodicidade do reparto. Antes da crise había unhas 70 familias con necesidade, pero agora temos contabilizadas a máis de 80”.