Luns, 9 Decembro de 2024

Mondariz organiza unha charla coloquio sobre os danos do xabarín nos cultivos

O Concello de Mondariz, a través da Concellería de Desenvolvemento Económico e Turismo que xestiona o alcalde Xosé Emilio Barros, orzaniza este sábado, 21 de setembro, unha conferencia coloquio sobre os danos do xabarín nos cultivos que terá lugar ás 21 horas na Biblioteca Pública Municipal ‘Xoan Xosé Pérez Labaca’.

Na charla participarán Manuel da Cal, coordinador da Federación Rural Galega (FRUGA), e o propio Barros, como alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo de Mondariz. Ao longo do encontro expoñerase a situación actual do xabarín nos montes galegos, afondando nas causas da excesiva poboación de porcos bravos e na incidencia que ten isto na actividade agraria.

Tamén se facilitará información práctica sobre as indemnizacións que se poden solicitar desde o sector en caso de sufrir danos de xabarín en cultivos.

Un dos obxectivos do actual goberno municipal de Mondariz é loitar contra a despoboación no rural e pór en valor o sector primario. Para Barros, “é fundamental organizar actividades formativas e informativas que propicien un desenvolvemento económico de longo alcance. Mondariz ten moitas posibilidades en turismo rural e en áreas como a producción agraria e gandeira de calidade, cada vez máis revalorizadas”.