Este sábado, 23 mulleres aprenderán as ferramentas básicas da autodefensa en Mondariz. O taller, organizado polo Concello de Mondariz e dirixido exclusivamente a mulleres, será impartido por Felipe Meana, director técnico do club deportivo SKM, e Marietta Sacristán, instructora do mesmo centro.
Estes profesionais, con experiencia en violencia de xénero, tratarán de recrear de xeito realista situacións incómodas que poidan sufrir as mulleres, co obxectivo de axudar a identificar riscos e facer fronte a posibles agresións.
Este taller gratuíto, que terá lugar o sábado en horario de mañá na aula da Biblioteca Pública Municipal ‘Xoan Xosé Pérez Labaca’, espertou un enorme interese entre a poboación feminina tras ser anunciado na páxina oficial do Concello de Mondariz en Facebook.
As prazas, limitadas a 23, foron reservadas rápidamente. Das mulleres inscritas, 12 son de Mondariz, 5 de Vigo, 4 de Ponteareas e 2 de Salvaterra de Miño.
Nas próximas semanas está previsto que se informe doutro taller de defensa persoal dirixido á mocidade e co mesmo equipo profesional ao fronte. Estas actividades, segundo o Concello de Mondariz, “reflicten a liña de traballo da Concellería de Igualdade e Mocidade do Concello de Mondariz”, creada polo novo equipo de goberno (BNG-PSOE).