Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz mecaniza o servizo de limpeza viaria

O Concello de Mondariz incorporou unha máquina varredora-aspiradora para optimizar a limpeza viaria da área urbana

O Goberno de Mondariz vén de incorporar unha máquina varredora-aspiradora para ser empregada na limpeza viaria da área urbana “unha tarefa que se viña facendo manualmente e de xeito rudimentario”, di o alcalde Xosé Emilio Barros. O executivo local trata de “optimizar os escasos recursos humanos dispoñibles coa mecanización destas tarefas” conscente “das queixas da veciñanza en relación á limpeza viaria da área urbana e das estradas de competencia municipal que atravesan o concello”.

A adquisición da varredora-aspiradora, que se realizou mediante un contrato de arrendamento con dereito a compra, súmase á dunha minicargadora con varredora prevista desde a pasada lexislatura que dará servizo á limpeza viaria de estradas.

Con estas medidas, o goberno busca atender os servizos públicos de competencia municipal o mellor posible. “Durante as charlas do Goberno nas diferentes parroquias observamos descontento respecto á limpeza viaria e outros servizos públicos de competencia municipal como a recollida de lixo. Este descontento non é novo, vén de lonxe. Nestes primeiros meses de lexislatura analizamos a situación desde o goberno e concluímos que hai factores condicionantes como a escaseza de recursos humanos e a dificultade de contratación de novo persoal e se require unha estratexia baseada na mecanización de actividades”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.