21.2 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz facilita o emprendemento local a través dun viveiro de empresas

    Mondariz facilita o emprendemento local a través dun viveiro de empresas

    O Concello de Mondariz, consciente de que a carencia de espazos para usos empresariais é unha das dificultades das novas emprendedoras locais, vén traballando desde hai meses non proxecto de viveiro de empresas en instalacións municipais que xa é unha realidade, despois de ser aprobado na última sesión plenaria da Corporación Municipal e ser anunciado no BOPPO para a súa exposición pública durante 30 días.

    O viveiro de empresas de Mondariz, que inicialmente destinará espazos públicos nos edificios do Centro Social e da Praza de Abastos para actividades de xestión en oficinas e actividades de comercialización en postos de venda, tamén inclúe na súa concepción o edificio do antigo matadoiro municipal para actividades empresariais relacionadas coa transformación de produtos, aínda que este último espazo non está recollido no regulamento de réxime interno do viveiro de empresas por una cuestión administrativa.

    “A nosa idea é facilitar espazos para os diferentes procesos, incluída a transformación de produtos, tan importante para o sector agrogandeiro”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo.

    O viveiro de empresas de Mondariz, segundo consta no seu regulamento de réxime interno, é unha ferramenta de emprendemento temporal pensada para ubicar empresas nos seus primeiros pasos no mercado, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás súas necesidades para promover o desenvolvemento xerminal de iniciativas de interese no ámbito local. As autorizadas para o uso dos espazos do viveiro de empresas deberán satisfacer un canon demanial que se determinará de acordo coa normativa de aplicación vixente.

    En total, a superficie dispoñible do viveiro de empresas de Mondariz é de 98,62 metros cadrados. No primeiro andar do edificio do Centro Social, baleiro desde que as actividades administrativas dos Servizos Sociais Comunitarios e da Oficina Municipal de Información Xuvenil se trasladaran á Casa do Concello, hai tres despachos e unha sala de reunións. Na Praza de Abastos, mentres tanto, cóntanse con tres postos de venda que poderán aumentar en número e metros cadrados en función da demanda e das necesidades.

    A estes servizos do viveiro de empresas de Mondariz poderá optar empresas de nova creación para desenvolver actividades durante 24 meses prorrogables. A selección das autorizadas a beneficiarse dos servizos do viveiro será realizada polo propio Concello de Mondariz. Calquera proxecto empresarial que cumpra os requerimentos establecidos no regulamento (empresas en proxecto, empresas novas ou empresas de ata dous anos de antigüidade) poderá solicitar a súa inclusión no viveiro de empresas en todo momento. Entre os criterios de selección das adxudicatarias están a viabilidade da iniciativa empresarial presentada; o carácter innovador, tecnolóxico e de desenvolvemento do proxecto; e o fomento do autoemprego en colectivos prioritarios, como mulleres, persoas menores de 30 anos, maiores de 45 anos, con diversidade funcional ou en situación de desemprego de longa duración.

    “Malia ser modesto en superficie e número de despachos ou postos de venda, este viveiro de empresas é unha iniciativa innovadora que busca diversificar a estrutura produtiva local, favorecendo a instalación de pequenas empresas e promocionando os produtos locais”, sinala Barros.

    Esta iniciativa encádrase dentro dunha estratexia de desenvolvemento económico local que ten varios puntais, como a creación de solo industrial para un futuro parque empresarial, o acondicionamento da parcela municipal da Cela para un futuro albergue turístico ou as xornadas formativas e informativas que se teñen organizado para inspirar o emprendemento local entre a veciñanza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.