Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz e Covelo celebran a aprobación dun proxecto de obradoiro de emprego

A iniciativa conxunta capacitará a 20 persoas en sectores estratéxicos do ámbito rural a partir de decembro

“Medrando entre todas e todos”, o proxecto de obradoiro de emprego presentado polos concellos veciños de Mondariz e Covelo, acaba de recibir unha resolución positiva por parte da Xunta de Galicia, polo que antes de final de ano comezará a capacitar a unha vintena de persoas en sectores estratéxicos do ámbito rural, como o medio ambiente e o envellecemento da poboación, a través da combinación de formación profesional e traballo práctico durante un contrato de nove meses de duración.

Este proxecto de obradoiro de emprego xa aprobado abarca dúas especializacións, con 10 prazas para persoas desempregadas cada unha, 20 en total. Por unha parte, pretende formar a persoal auxiliar no sector da atención sociosanitaria a domicilio e en institucións sociais. Por outra parte, prevé capacitar a persoal auxiliar no eido forestal e na área de xardinería para traballar na conservación e mellora de montes, no aproveitamento forestal, en viveiros ou en centros de xardinería.

A formación teórica complementarase cunha formación práctica en ambos concellos. A especialización en atención sociosanitaria realizaríase na residencia da terceira idade de Covelo, no centro de día de Mondariz e no SAF (Servizo de Axuda no Fogar) que se presta nos dous concellos. No caso da especialización en traballos forestais e de xardinería, a formación práctica levaríase a cabo en parcelas de titularidade municipal, como a Cela e a Lagoa en Mondariz e o Souto e a Finca do Caseiro en Covelo.

O proceso de selección de participantes xestionarase primeiramente desde o Servizo Público de Emprego de Galicia, polo que as persoas interesadas en participar deberán estar inscritas como demandantes de emprego e demandantes de formación mediante obradoiros de emprego. O Servizo Público de Emprego de Galicia remitirá aos concellos unha listaxe de aspirantes para proceder á última fase do proceso selectivo.

A estimación orzamentaria deste proxecto de obradoiro de emprego é de 359.946,00 euros. A financiación principal vén da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, aínda que os concellos de Mondariz e Covelo tamén contribúen cunha achega de capital e outros recursos municipais.

Tanto Mondariz como Covelo levan case dúas décadas (Mondariz, 15 anos; Covelo, 17 anos) sen contar cun obradoiro de emprego destas características, polo que os dous alcaldes celebran esta resolución positiva do seu proxecto conxunto. “Presentamos o proxecto conxunto en febreiro deste ano, despois de varios meses de traballo, porque somos concellos rurais concienciados coa problemática do despoboamento e somos plenamente conscientes de que é necesario crear novas oportunidades laborais para fomentar o asentamento de familias. A realización deste obradoiro de emprego, considerando o excepcional contexto de crise sanitaria e económica que estamos a vivir, non pode ser máis oportuna”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. Para o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, “este obradoiro de emprego, que é resultado do compromiso político e da colaboración efectiva entre institucións con problemáticas semellantes, permite fomentar a empregabilidade nos dous concellos e ofrece unha boa oportunidade para a formación de persoas en ámbitos laborais de gran proxección”.