O Concello de Mondariz, por segundo ano consecutivo, organiza dúas escolas de verán para iniciar á mocidade no piragüismo e na hípica, en colaboración co Club Tea de piragüismo (Mondariz-Balneario) e coa escola hípica A Lagoa (Mondariz). O período de inscrición para ambas actividades, que son gratuítas, comezou o 2 de xuño e permanecerá aberto até o 22 de xuño.
A Escola de Piragüismo está dirixida a mozos e mozas de 7 a 14 anos. É unha actividade que se desenvolverá tres días á semana (luns, mércores e venres) en horario de 10:30-13:00 horas, desde o 28 de xuño até o 10 de setembro. O Club Tea de piragüismo, con sede no veciño Concello de Mondariz-Balneario, está dentro da Federación Galega de Piragüismo e é moi activo na organización de competicións deportivas de ámbito nacional e estatal, como a Copa de España de piragüismo, na modalidade de slalom olímpico. Aínda que esta actividade é gratuíta, os mozos e as mozas participantes deberán aboar unha tasa de 15 € para federarse.

A Escola de Hípica está dirixida a mozos e mozas de 4 a 17 anos. É unha actividade que se desenvolverá un día á semana, a escoller polas persoas participantes: luns, mércores ou venres, en horario de 19:30-20:30 horas, ou sábado, en horario de 10:00-11:00 horas. A escola hípica A Lagoa está localizada xunto ao complexo deportivo da Lagoa, no Concello de Mondariz, e ofrece actividades formativas, lúdicas e terapéuticas relacionadas cos cabalos.
“Estas actividades permiten dar a coñecer o atractivo medio natural de Mondariz, sobre todo a contorna do río Tea e os seus afluentes, ao tempo que se exploran prácticas deportivas relacionadas coa natureza. Colaborar con organizacións locais tamén é unha decisión estratéxica, pois pretende apoiar actividades emprendedoras de proximidade”, explica o alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo de Mondariz, Xosé Emilio Barros.
O Concello de Mondariz subvenciona estas actividades grazas á financiación aportada pola Deputación de Pontevedra. Para solicitar máis información e tramitar a inscrición, as familias interesadas deberán contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz a través de teléfono (986 664 306) ou correo electrónico ([email protected]). As prazas son limitadas, polo que se recomenda non agardar até os últimos días do período de inscrición.