Sábado, 3 Maio de 2025

Documentada a memoria da cestería tradicional de Mondariz

Durante xeracións e xeracións, Mondariz atesourou unha tradición cesteira propia moi apreciada en Galicia e mesmo en Portugal que se caracterizaba polo uso de láminas de madeira, en vez de vimes, e polo refinamento da confección artesanal. Até as últimas décadas do século XX, eran poucas as casas do concello de Mondariz que non tiñan cesteiros na familia.

Nunha economía de subsistencia, a artesanía era a actividade que permitía obter ingresos. O oficio transmitíase de pais a fillos, tanto no taller como no monte, pois o coñecemento das árbores que servían de materia prima para os cestos, como os castiñeiros e os carballos, era tan importante como a técnica na utilización das ferramentas.

Os cesteiros de Mondariz, ademais de vender os seus produtos nas feiras da contorna, como Ponteareas ou O Porriño, traballaban como artesáns itinerantes durante boa parte do ano. Ás localidades da costa atlántica ían para elaborar e suministrar patelas, un tipo de cesto cadrado con bordo baixo que era empregado principalmente para gardar o peixe. Ao interior da provincia de Ourense desprazábanse para fabricar cestos destinados á vendima e outros labores agrícolas.

O gremio de cesteiros da localidade mesmo chegou a desenvolver un verbo propio ara comunicarse entre si. Este, sen embargo, foise perdendo nas últimas décadas do século XX coa progresiva diminución de artesáns.

A chegada dos produtos de plástico, moito máis baratos que os cestos tradicionais de láminas de madeira, deu a estocada final ao oficio, que deixou de ser rendible e mesmo interesante para as novas xeracións. Hoxe en día, tan só existe un cesteiro en activo que conserva a tradición artesanal de Mondariz. Trátase de Enrique Táboas (1955), fillo e neto de cesteiros de Mondariz, pero asentado en Sanxenxo.

Un documental que aporta visión de futuro sobre o oficio

O documental, que foi rodado no mes de maio en diversas localizacións de Galicia, está rematado e será presentado oficialmente o 30 de xullo de 2021, ás 22:00 horas, nos xardíns do Concello de Mondariz, xunto á Casa Consistorial.

A súa estrea forma parte da programación cultural da 32ª edición da Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz (31 de xullo e 1 de agosto de 2021). A mediados de xullo, o tráiler xa foi visto na sede principal da Deputación de Pontevedra, durante a presentación da mencionada Feira dos Oficios Artesáns, onde a cestaría tradicional ten un gran protagonismo.

Nas seguintes semanas, no contexto do programa O Teu Xacobeo, o documental será presentado en diversas localidades galegas atravesadas por rutas xacobeas, como O Porriño e Redondela (Pontevedra), Allariz e Verín (Ourense), Rianxo (A Coruña) e Arzúa (Lugo). Esta itinerancia conecta coa propia tradición do cesteiros de Mondariz, que se desprazaban a outras localidades con maior demanda de cestos coas súas ferramentas ao lombo para traballar como artesáns residentes. Así mesmo, a presentación itinerante permite unir culturas cesteiras que se desenvolveron en diferentes lugares da xeografía galega a través do intercambio de saberes e memorias.

O tráiles oficial está disponible na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=t4_gv0tX1n8