8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizCharla informativa en Mondariz sobre un curso de desenvolvemento de aplicacións móbiles

    Charla informativa en Mondariz sobre un curso de desenvolvemento de aplicacións móbiles

    O alumnado que complete a formación, ofrecida no Concello de Mondariz baixo unha modalidade semipresencial, recibirá unha tableta como agasallo

    O Concello de Mondariz acollerá o próximo 14 de xaneiro, ás 10:00 horas na biblioteca municipal, unha charla informativa sobre un curso de desenvolvemento de aplicacións móbiles enmarcado no proxecto Ti© Emprendes da Deputación de Pontevedra, que conta con cofinanciación do Fondo Social Europeo. O curso, que ten unha carga lectiva de 125 horas, ofrécese en modalidade semipresencial a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos que estean inscritos/as no sistema de garantía xuvenil de Galicia.

    “Trátase dunha oportunidade de inserción laboral para mozos e mozas que xa están fóra do sistema educativo e se atopan en situación de desemprego”, indica Belén Oblanca, orientadora laboral no Concello de Mondariz. “En anteriores convocatorias de cursos do proxecto Ti© Emprendes no Concello de Mondariz non se acadou o número mínimo de inscritos/as para realizar a formación a través da publicidade habitual. Desta vez pensamos en organizar unha charla informativa para explicar os contidos do curso e, sobre todo, as oportunidades laborais que ofrece. Ademais, como incentivo, os mozos e as mozas que cheguen a completar a formación recibirán unha tableta”.

    Para asistir á charla informativa do día 14 de xaneiro na biblioteca municipal de Mondariz non é necesario solicitar reserva de praza, senón que as persoas interesadas irán entrando até completar a cabida permitida. Para máis información sobre esta actividade, con todo, pódese contactar por vía telefónica (986 656 058) ou telemática (orientacion@mondariz.gal) co Servizo de Orientación Laboral do Concello de Mondariz.

    Un sector profesional con moita demanda

    O curso de desenvolvemento de aplicacións móbiles (para Android e iOS) permite á mocidade interesada nas novas tecnoloxías iniciarse nun sector dinámico no que poder medrar profesionalmente, tanto por conta allea como por conta propia. O curso consta de 100 horas de formación específica en desenvolvemento de aplicacións que se xestiona a través dunha aula virtual e de 25 horas de formación específica en autoemprego e creación de empresas que se realizará presencialmente en instalacións municipais do Concello de Mondariz. Para acudir ás sesións formativas presenciais, o proxecto Ti© Emprendes inclúe unha bolsa de desprazamento. No caso de que a mocidade interesada en participar non dispoña dun ordenador na casa para seguir a formación non presencial, tamén se facilitán os medios para que ninguén se quede atrás.

    “No Concello de Mondariz participamos activamente en programas de formación e promoción do emprendemento. Ás veces é complicado atraer ás persoas para que se involucren en programas formativos, sobre todo en ámbitos rurais como o noso, pero non deixamos de intentalo porque é fundamental actualizar coñecementos e gañar confianza no uso das novas tecnoloxías e das novas tendencias do mercado laboral”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Mondariz.

    No último ano, o Concello de Mondariz desenvolveu un obradoiro dual de emprego en colaboración co Concello de Covelo para formar a 20 persoas en atención sociosanitaria e en traballos forestais e de xardinaría. Ademais de participar no proxecto Ti© Emprendes da Deputación de Pontevedra, leva anos colaborando con Red Araña para ofrecer formación en emprendemento e autoemprego.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.