“A situación económica global do Concello é netamente positiva e a imposición dunha nova taxa á veciñanza, coa aprobación de todas as forzas da dereita, é unha cortina de fume coa que se quere xustificar o novo imposto e o grao de ineficacia do goberno BNG-PSOE”, asegurou hoxe a concelleira de AporM, Mónica Peralba.
A concelleira de AporM saía así ao paso das declaracións formuladas polo actual goberno nas que tentaba xustificar unha serie de medidas, entre elas o establecemento dunha nova taxa por licencias urbanística, “por un desaxuste orzamentario por importe de 56.876,90 €”.
Peralba aclara que un desaxuste orzamentario “non é unha débeda como quere facer crer o executivo local”. “Non se lle debe esa cantidade a ninguén, é simplemente un reaxuste que hai que facer orzamentariamente”, apunta.
AporM asegura estar sorpendido polo feito de que “por unha banda o Goberno local busque o xeito de poñer en entredito a xestión do anterior goberno, tentando xustificar o novo gravame que terá que pagar a veciñanza”, engade a concelleira independente que o propio Plan Económico, sinala textualmente que:
“…a situación global do Concello de Mondariz é netamente positiva, tal e como o corroboran as diferentes magnitudes obtidas da liquidación (aforro bruto, aforro neto e remanente de tesourería para gastos xerais todos eles positivos) así como a estabilidade orzamentaria da mesma…”
“O remanente de tesourería é positivo, existe aforro neto, a estabilidade orzamentaria é positiva (ou sexa que o Concello ten capacidade de financiamento) e cúmprese o Período Medio de Pago a Provedores que para as entidades locais está en 60 días e no Concello de Mondariz está en menos de 35 días”. Ésta é, recalca Peralba, a “mala situación económica que xustifica a imposición dunha nova taxa”.
Finalmente, a concelleira de AporM chama a atención sobre o problema para que a regra de gasto “que é soamente un indicador” saíra negativo que non é outro que “facer o cálculo coa liquidación do ano 2018 pero co orzamento en vigor, é dicir, o prorrogado do 2017”. Orzamento prorrogado, lembra Mónica Peralba “polo bloqueo insistente da oposición que só respondía a intereses partidistas e políticos, sen importarlles as necesidades de Mondariz”.
De feito, remata a concelleira de Alternativa por Mondariz, se no 2018 houbera un orzamento aprobado “coa actualización dos tributos do Estado (non contemplados nos orzamentos do 2017) pero que o concello recibe e coas altas do padrón que o Concello realizou de oficio, tampouco contempladas no 2017, a regra de gasto xa non sería negativa”.
Recomenda, polo tanto, Peralba ao Goberno BNG-PSOE “que non busquen xustificar con datos económicos terxiversados a realidade da situación que non é outra que buscar o medio para, co apoio de toda a dereita, establecer unha nova carga impositiva á veciñanza”. E remata dicindo que “ogallá a situación económica que atopou Alternativa por Mondariz no 2015 fose similar a actual”.