Domingo, 4 Maio de 2025

Alternativa por Mondariz denuncia o abandono do mantemento das praias fluviais

A formación independente solicita que se dea de alta no censo oficial a praia fluvial do Curuxón

Xoán Carlos Montes Bugarín, portavoz de AporM vén de censurar o estado das praias fluviais do Val e de Cernadela por parte do goberno municipal. “A contorna de ambas praias fluviais atópase nun estado lamentable: vexetación sen rozar desde hai meses, fochancas de grande tamaño que impiden o desfrute das praias provocadas polas cheas invernais, etc.”, asegura.

A situación de abandono contrasta co nivel de ocupación recreativa de praias como O Val, “á que acoden a diario ducias e ducias de persoas na procura de baño e de sombra, ao tempo que aproveitan para tomar algo na cantina que abriu as súas portas hai un par de semanas”.

Con todo o dato máis grave procede das autoridades sanitarias, xa que os inspectores de Saúde Pública veñen de facer os resultados do control realizado na última semana medio centenar de praias, 39 delas marítimas e 11 fluviais. En todos os casos resultaron aptas para o baño, agás nunha das tres existentes en Mondariz, coñecida como Praia do Val e situada á beira do río Tea.

AporM, que é coñecedor desta deficiencia ambiental desde hai varios anos, preguntará no próximo pleno acerca das iniciativas que o alcalde prevé levar a cabo ante as distintas administracións para intentar solucionar este grave problema de contaminación.

O noso grupo –afirma Xoán Carlos Montes– “tamén proporá a alta no censo de Saúde Pública da praia fluvial do Curuxón (parroquia de Riofrío), sita a carón de Mondariz Balneario, para que os usuarios e usuarias poidan coñecer, en todo momento, cales son as súas condicións sanitarias”.