Luns, 9 Decembro de 2024

A Xunta rexeita o Plan Económico Financeiro aprobado en Mondariz

A administración autonómica esixe unha previsión de ingresos e gastos para os anos 2019 e 2020 que non aparecía no documento por criterio técnico

A Consellería de Facenda da Xunta de Galicia notificou ao Concello de Mondariz que o Plan Económico Financieiro aprobado o pasado 27 de setembro, no último Pleno da Corporación Municipal, “non inclúe as tendencias cuantificadas de ingresos e gastos dos exercicios 2019 e 2020, o cálculo de estabilidade orzamentaria e do gasto computable de ambos exercicios”, e instoulle a aprobar un novo documento que conteña “unha cuantificación económica das previsións para os exercicios 2019 e 2020”.

O Concello de Mondariz tivo que elaborar nos últimos meses un Plan Económico Financieiro para corrixir un desaxuste de 56.876,90 euros correspondente ao exercicio 2018 na denominada regra de gasto, pois así o obriga a Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financieira en caso de incumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, do obxectivo de débeda pública ou da regra de gasto.

Neste documento, que o goberno municipal presentou no Pleno sin mudar a proposta técnica do servizo de intervención do Concello, determínanse as causas do desaxuste e propóñense una serie de medidas referidas aos ingresos e gastos para os anos 2019 e 2020. “Por criterio técnico, o Plan Económico Financieiro que se aprobou en Pleno non concretaba as cantidades estimadas de ingresos por cada medida; iso é o que reclama a Xunta agora”, explica o alcalde, Xosé Emilio Barros.

“O equipo de goberno apuntou que existía este risco durante o proceso de elaboración do plan, pero técnicamente non foi considerada esta opinión. A única cantidade que se concretou no documento, por proposta expresa do equipo de goberno, foi a referida ao salario correspondente á segunda dedicación exclusiva: os 16.425,24 euros que deixou de percibir un membro do goberno desde xuño e xa foron dirixidos a corrixir ese desaxuste nas contas”.

O servizo de intervención do Concello de Mondariz, responsable da elaboración do Plan Económico Financieiro, deberá incluír agora unha estimación de ingresos para as medidas propostas no documento, entre as que figura a aprobación dunha ordenanza fiscal sobre unha taxa referida ás licencias urbanísticas municipais ou a contención de gastos en áreas como a conservación de inmobles. “Moito nos tememos que, ao incluír prognósticos sobre 2019 e 2020, as medidas poden ser máis duras, e a necesidade dun novo orzamento municipal, ineludible”, advirte Barros.

O documento será sometido novamente a votación na próxima sesión do Pleno da Corporación Municipal. Na primeira votación, o pasado 27 de setembro, foi aprobado con sete votos a favor (3 de BNG, 1 de PSOE, 2 de PP e 1 de Ciudadanos) e catro abstencións (Alternativa por Mondariz).

Para o equipo de goberno, “esta resposta da Xunta de Galicia era esperable”, tendo en conta a situación económica do Concello de Mondariz, derivada, en parte, da prorrogación duns orzamentos pensados para o exercicio 2017.

Ademais da obriga legal de corrixir este desaxuste na regra de gasto a través dun Plan Económico Financieiro, o Concello de Mondariz ten que afrontar unha importante débeda co Consorcio Galego de Benestar e Igualdade polo centro de día e unha reclamación económica da Entidade Local Menor de Vilasobroso tramitada por vía xurídica.