Sábado, 3 Maio de 2025

SOS Fonte de Troncoso alerta da degradación da obra de Antonio Palacios en Mondariz Balneario

SOS Fonte de Troncoso pide publicamente ao Concello de Mondariz Balneario, propietario da Fonte de Troncoso, e a Xunta de Galicia, “que realice unha actuación urxente para frear o deterioro da fonte centenaria” obra de Antonio Palacios. Ao mesmo tempo, reclama que ámbalas dúas administracións “tomen cartas no asunto de inmediato e acelere o proceso para a súa recuperación”.

Lembra a plataforma que o alcalde e o conselleiro de Cultura comprometéronse publicamente en decembro de 2020 a levar a cabo a “recuperación e rehabilitación” desta obra singular. Porén, un ano e medio despois, lamenta a Plataforma, “a Fonte de Troncoso, lonxe de ver melloradas as súas condicións, segue nun estado de ruína total, acrecentando cada día o risco de que as súas paredes colapsen, o que suporía a perda irreversible dunha das obras máis xenuínas da vila balnearia”.

Cómpre lembrar que o xulgado número 5 do Mercantil adxudicou en novembro de 2020 a propiedade da Fonte ao Concello de Mondariz Balneario, tras múltiples denuncias veciñais e un proceso concursal de por medio. O 28 decembro de 20201 o alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, visitaron o edificio, anunciando que “a Xunta comprometía o seu apoio para a recuperación e rehabilitación deste edificio histórico”, obra do arquitecto Antonio Palacios.

Un edificio protexido pola lei

O Catálogo de bens a protexer do Plan de Ordenación do Medio Rural de Mondariz Balneario aprobado no ano 2001 recolle a Fonte de Troncoso como ben obxecto de protección cun grao “integral”. “De pouco ten servido ata hoxe” se lamenta a Plataforma.

A Fonte de Troncoso é obra do internacional arquitecto porriñés Antonio Palacios, que reutilizou neste manancial a marquesiña que cubriu a Fonte de Gándara ata o ano 1910. O proxectista, que recibiu o encargo de Enrique Peinador, deseñou un complexo de dous volumes: unha fonte pechada cunha reixa perimetral baixo marquesiña e un obradoiro pechado con muros de granito deseñado á imaxe do taller de engarrafado da Fonte de Gándara, obra na que tamén colaborou o arquitecto Joaquín Otamendi.

Na actualidade a fonte atópase nun estado lamentable, o que ten provocado un crecente e preocupante abandono do seu estado de conservación: nos últimos tempos o remate ornamental dunha das súas portas de acceso desapareceu; a centenaria varanda modernista interior sufriu distintas “reparacións” indignas; ademais, a día de hoxe, a planta de embotellado da fonte é inaccesible para o público e ameaza ruína.


1 https://www.cultura.gal/es/nova/72241