Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Valedora do Pobo recórdalle a Mondariz Balneario que o propietario do Hotel Roma debe conservalo

En outubro de 2019, a plataforma SOS Fonte de Troncoso presentou unha denuncia ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Mondariz Balneario polo estado ruinoso do Hotel Roma, un edificio catalogado e protexido. Nunca se obtivo resposta a esta denuncia, de aí que se decidira presentar unha queixa ante a Valedora do Pobo.

Unha vez estudada a queixa presentada, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, comunicou o 11.01.2021 que a daba por admitida. Desde a súa admisión a trámite, a Valedora reiterou os requirimentos de información ata en catro ocasións.

No último requirimento que Fernández Galiño enviou ao Concello de Mondariz Balneario (13.08.2021), a titular deulle ao Concello un prazo de 15 días para enviar a documentación requirida, advertíndoo de que sería declarado “hostil e entorpecedor” no caso de que non o fixese.

Finalmente o Concello e a Consellería de Cultura enviaron á Valedora a documentación requirida, o que permitiu elaborar un completo informe ao respecto do que se extraen as seguintes conclusións:

  • Segundo informa a Valeduría do Pobo, a Consellería de Cultura requiriu información ante o Concello de Mondariz Balneario en tres ocasións “sen que a día de hoxe téñase obtido resposta algunha”.
  • Con data 18.01.2021 remítese a denuncia en solicitude de información ao titular do dito ben, outorgándolle prazo para formulación de alegacións. A día de hoxe a Consellería de Cultura “está a realizar os trámites e actuacións previas tendentes ao esclarecemento dos feitos e a determinar se concorren as circunstancias que xustifiquen a apertura dun procedemento sancionador”. A día de hoxe ignoramos se desde o 18.01.2021 a Consellería de Cultura fixo algo máis por garantir a protección e conservación do Hotel Roma.