Domingo, 4 Maio de 2025

Xuntanza cos propietarios das terras nas que estará a nova aldea modelo das Neves

Dende o vindeiro luns, estará aberta unha oficina para solucionar dúbidas e facilitar os trámites sobre a mesma

Membros do Goberno local, da Xunta, da empresa Expoaga e propietarios das terras das parroquias de Tortoreos e Rubiós, están convocados este mércores, día 9 a unha reunión para avanzar na posta en marcha da nova aldea modelo das Neves.

Pararlelamente, dende a semana que ven, estará aberta unha oficina na que persoal de Expoaga atenderán aos propietarios, solucionarán as súas dúbidas, facilitarán información ou explicarán os trámites a seguir. A mesma estará aberta de luns a xoves en horario de 09:30 a 14:00 horas e de 15:00 a 18:00 horas.

Este proxecto ten como obxectivo recuperar para o seu desenrolo económico e ambiental 40 hectáreas de monte entre estas dúas parroquias e impulsar definitivamente nun proxecto no que traballan o Concello das Neves e Consellería de Medio Rural dende hai máis dun ano.

Hai uns meses dábase un paso moi importante no proceso de creación desta nova ‘aldea’ cnunha xuntanza entre o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, o concelleiro de Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde, Óscar González, o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGDER), Alejandro Sánchez de Dios, e parte dos veciños propietarios dos terreos nos que se proxecta implantar esta aldea modelo.

Boa acollida

Aquela reunión foi “moi produtiva e a proposta tivo moi boa acollida entre os propietarios presentes”, que representaban o 36% de toda a superficie que ocuparía a nova aldea. De seguido a Xunta e Expoaga contactaron cos donos de boa parte terreos para coñecer cantos deles estarían dispostos a alugar as súas terras para poñer en marcha esta iniciativa.

Creación de emprego

O obxectivo final desta iniciativa, lembra o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, é “pasar do abandono á utilidade”, recuperando un espazo desatendido para obter produtos con selo ecolóxico, “facilitando a creación de emprego e de riqueza e, ao tempo, comprometerse coa recuperación ambiental”.

Nesta superficie, que seguirá sendo dos seus propietarios que recibirán un alugueiro, está previsto o establecemento de diferentes actividades de explotación que manterán o respecto polo medio ambiente, permitirán o uso da terra e xerarán bens de consumo. Entre aquelas ideas que opten facerse realidade na aldea modelo, teranse en conta aqueles requisitos e outros coma o de cercanía, primando os impulsados por veciños das Neves, e viabilidade.

Recuperación de terras abandonadas, prevención de lumes, rehabilitación de vivendas

Este proxecto engarza coa recuperación de terras agrarias abandonadas que está a impulsar a Xunta por medio das ‘Aldeas Modelo’ que, coma no caso desta demarcación entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós, pretende mobilizar a terra para a recuperación produtiva en zonas abandonadas preto de núcleos de poboación, contribuíndo, ademais á recuperación e rehabilitación de vivendas abandonadas e a prevención de incendios.