Domingo, 4 Maio de 2025

O novo céspede do campo ‘Pepe Capón’ das Neves terá o selo de certificación FIFA Quality Pro

Técnicos do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV), veñen de realizar as probas no novo céspede do Campo Municipal de Fútbol ‘Pepe Capón’ para entregarlle o selo de certificación FIFA Quality Pro.

O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez Méndez; o concelleiro de Deportes, Óscar González; o presidente do Nieves F.C., Salvador Pérez, e o coordinador de categorías José Manuel Alves ‘Pozas’, visitaron o campo, comprobaron o estado do céspede e recibiron información do especialistas que levaron a acabo as probas.

Estas probas, como indicou o concelleiro de Deportes, determinan a situación do propio terreo de xogo, a súa situación, o bote e desprazamento do balón, o drenaxe, durabilidade e resistencia, estado do céspede é “especialmente, a súa adecuación para a prevención de lesións das xogadoras e xogadores que van a utilizalo”.

200 xogadoras e xogadores

Óscar González lembrou que son máis de 200 deportistas, de todas as categorías, dende alevíns ata os recen ascendidos integrantes do primeiro equipo, os que adestrarán e disputarán distintas competicións en este novo céspede.

Precisamente, reiterou o concelleiro, “tanto o cambio do céspede coma os traballos de control e certificación da súa calidade están enteiramente orientados a garantir que todos eles podan xogar coa meirande seguridade, sexan cales sexan as condicións ambientais e climáticas”.

Preto de 127.000 € de orzamento

O cambio dos 6.842 metros cadrados da herba artificial do campo municipal, “que tiña danos moi considerábeis por 14 anos ininterrompidos de uso e por mor dos lumes de hai tres anos”, contou cun orzamento de 126.868,50 €, que se financiaron coa axuda para bens públicos danados polo incendio de 2017, achegada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública (49 %), a aseguradora MAPFRE (23 %) e Fondos do Plan Concellos da Deputación (28 %).