Sábado, 10 Maio de 2025

O Club Natación Baixo Miño adestra na piscina preolímpica das Neves

É a única que poden utilizar as nadadoras e nadadores para os seus adestramentos dado que este verán están pechadas as de Tui, Salceda, Salvaterra e Mondariz

Grazas a un acordo co Concello, dende o pasado día 8 de agosto, os integrantes do Club Baixo Miño de Natación, de Tui, están adestrando na piscina municipal das Neves. As nadadoras e nadadores dispoñen da pileta unha hora diaria, de 11:30 h a 12:30 h. A piscina das Neves, de dimensións preolímpicas, é a única que poden utilizar estes deportistas logo de que as de Tui, Salceda, Salvaterra e Mondariz permanezan pechadas este verán.

Así mesmo, o Concello das Neves extremou as medidas para o uso das piscinas municipais. En primeiro lugar, so se permitirá o acceso con reserva previa, que pode facerse entrando en reservapiscinas.asneves.gal; o aforo do espazo das piscinas está limitado ao 50 % –cun máximo 100 persoas: 75 na piscina grande e 25 na piscina pequena–; os vestiarios permanecen pechados e é obrigatorio o uso de máscara no recinto.

As instalacións estarán abertas durante todo o verán, coa previsión de pechar, se o tempo o permite, o 12 de setembro. O horario de apertrura é de 15:00 h a 21:00 h.